Telefónica deu a coñecer os 50 proxectos para Galicia Open Future, que comeza este mes a súa andaina

mércores, 3 de setembro do 2014 Fernando Sarasketa

Temos máis novidades sobre a andaina de Galicia Open Future (GOF), o proxecto impulsado por Telefónica e AMTEGA para dar forma a un centro de crowdworking de novas empresas TIC emprazado na Cidade da Cultura de Santiago. Trátase de dúas grandes novidades: unha xenérica, a posta en marcha oficial de GOF este mes de setembro, e outra específica: os nomes das iniciativas seleccionadas. Recordar que en xullo a operadora deu a coñecer que se acadaran máis de 130 candidaturas para participar nesta palestra de empresas innovadoras, informando tamén de que da cifra final de 136 iniciativas presentadas, seleccionáronse finalmente 50 proxectos (a listaxe está dispoñíbel en formato pdf). Estes beneficiaranse dos servizos de apoio ofertados polo programa e dun patrocinio inicial por parte da Axencia Galega de Innovación (GAIN) de 2.000 euros cada un.
Lembrar que Galicia Open Future pon a disposición de emprendedores o asesoramento, a formación e os recursos técnicos e financeiros precisos para pór en valor o desenvolvemento de iniciativas empresariais innovadoras. Os proxectos seleccionados participarán nos vindeiros meses nun plan de formación específico e de asesoramento para consolidar a súa idea e plan de emprendemento, que culminará coa futura selección dos tres mellores proxectos, os cales recibirán unha axuda por parte da GAIN de 25.000 euros. Así mesmo estes e os outros proxectos do programa poderán ter acceso a outros instrumentos financeiros da Xunta de Galicia para a súa consolidación.
Lembrar tamén que Galicia Open Future constitúe a gran iniciativa galega de Telefónica en 2014, unha palestra de proxectos tecnolóxico-dixitais que permitirá aos seus integrantes traballar libremente cos profesionais que estean máis preto (na propia aceleradora) pero tamén con xente afín a milleiros de quilómetros de distancia. Galicia Open Future, unha iniciativa inserida no Pacto Dixital asinado entre unha ducia de empresas (entre as que se conta Telefónica) e AMTEGA, comeza a súa andaina (oficialmente) este mes de setembro.
A maioría dos 50 proxectos seleccionados procede de Vigo e A Coruña, seguidas de Santiago de Compostela, e presentan diferentes graos de maduración (idea, prototipo, piloto, lanzamento, comercialización). Céntranse en sectores como o tecnolóxico aplicados a distintos ámbitos (marítimo-pesqueiro, agricultura, enerxía), Cidades Intelixentes, lecer, cultura, saúde, educación e turismo, e algúns xurdiron en universidades e centros tecnolóxicos de Galicia. Telefónica salientou tamén a presenza de proxectos de dixitalización, comercio electrónico e aplicacións móbiles.
Segundo informou en xullo a operadora, “os emprendedores seleccionados recibirán asesoramento para que o seu proxecto gañe visibilidade, acceso a colaboradores que axuden a que as iniciativas evolucionen e as ferramentas para validar o funcionamento dos seus proxectos con clientes reais”. Poderán traballar na sede de Galicia Open Future, situada no edificio Gaiás de Santiago de Compostela, e tamén a través da plataforma web (openfuture.org). O período da estancia será de seis meses, ampliábeis a un máximo dun ano.

PUBLICIDADE