O uso de Flipboard podería terse triplicado nun par de meses

mércores, 11 de maio do 2011 Marcus Fernández

Cando chegou ao iPad a aplicación de balde Flipboard, dando pé a unha revolucionara revista social virtual para tablets, quedaba a dúbida de se estariamos ante a flor dun día ou ante unha ferramenta que o público continuase a empregar despois de deixar de ser una nova, e parece que finalmente está a consolidarse, o que contrasta co feito de que as revistas tradicionais adaptadas ao iPad están a ver como as súas vendas caen (e a revista desenvolvida especificamente para o iPad, The Daily, está a ser un absoluto fracaso).
O director xeral da compañía detrás de Flipboard asegura que pasaron de 3-4 millóns de flips (medida semellante a páxinas vistas) hai un par de meses a 8-9 millóns, o que supón un crecemento moi importante que podería ser debido ao forte arranque do iPad 2, aínda que o máis interesante desta información é que indicaría que a xente que está a mercar tablets está a utilizalos realmente, algo que non acontece con todas as tecnoloxías de moda.
A boa recepción de Flipboard tamén indicaría que existe espazo para a innovación de formatos nestes novos soportes, descoñecéndose aínda o que trunfará a longo prazo, pero deixando claro que é preciso apostar por novas fórmulas ao mudar os dispositivos de lectura (como tamén aconteceu cando se popularizou a web no móbil).

PUBLICIDADE