Flipboard, a revista social virtual para iPad

mércores, 21 de xullo do 2010 Marcus Fernández

A interface táctil do iPad está a dar lugar a novos xeitos de consumo de información, coma o que achega a aplicación Flipboard, que colle a información que recibimos nas plataformas de redes sociais Facebook e Twitter e dálle formato de revista electrónica, facilitando a súa consulta nunha aparencia á que xa estamos afeitos polos soportes físicos da prensa, e que destaca especialmente por ser de balde.
Na páxina de entrada de Flipboard amósase unha especie de portada de revista na que a imaxe de fondo é unha fotografía publicada polos nosos amigos, e cando consultamos os contidos de Facebook podemos ver tanto textos coma imaxes e vídeos, mentres que a experiencia de consulta de Twitter é máis semellante á da prensa, pois aínda que permite ler os comentarios dos nosos contactos, converte as ligazóns nos contidos aos que fai referencia, axilizando a súa lectura e creando o que poderiamos considerar como unha revista virtual á carta, de xeito que poderemos dicir adeus ao desprazamento vertical entre ducias de tuiteos e accederemos directamente aos temas dos que se fala nos mesmos.


Vídeo de presentación da aplicación para iPad Flipboard

Flipboard é coma unha revista elaborada co material das nosas redes sociais

PUBLICIDADE