O director xeral de Red.es convida ás PEME galegas a tirar o máximo partido dos recursos en liña

martes, 2 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

O pasado 20 de marzo, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG), o Consello Territorial de AMETIC Galicia e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD) organizaron en Santiago unha xornada de debate arredor dun concepto que nos implica a todas e todos, como usuarios das TIC e habitantes que somos: o concepto das cidades intelixentes. O relatorio principal da xornada Smart Cities e conectividade veu dan man dunha persoa que, de xeito inevitábel, convive cunha parte dos elementos que integran unha cidade dixital. Falamos de Borja Adsuara, director xeral de Red.es, quen tivo a ben falar con Código Cero antes da súa intervención, adiantándonos o miolo da mesma (unha viaxe con guía e folla de ruta polos segredos dos espazos urbanos do mañá) e dándonos tamén a súa opinión sobre cuestións como o comercio electrónico (onde hai fortalezas e tamén feblezas, sobre todo no que se refire ás empresas familiares, ás que Adsuara anima a participar de cheo na Sociedade da Información) ou a presenza do tecido produtivo en Internet. Sobre este último punto, teno ben claro: “Antes podías permitirte o luxo de non estar na Rede”, opina, pero agora esta marca a diferenza entre existir ou non existir.
CÓDIGO CERO: De que nos vai falar hoxe en Santiago neste foro organizado pola AETG?
BORJA ADSUARA: Pois hoxe pedíronme que falara de Smart Cities e conectividade, que coido que é o gran mantra que temos arestora no sector xunto ao Cloud Computing e o Big Data, un concepto, aquel, de moita aceptación, en boa medida porque está moi orientado ao cidadán. Eu creo que coas cidades intelixentes solucionamos certas eivas informativas. De feito, o sector TIC e as tecnoloxías en xeral pecan un pouco de mirarse o embigo. Pero cando se descobre un concepto que resulta atractivo para a xente que non é do sector pero que é usuaria da tecnoloxía, pois entón triunfa, como acontece agora con esta etiqueta de Smart Cities da que estamos a falar. Con todo, corremos o risco de que fique só niso, nunha etiqueta. Por iso debemos afondar entre todos no que é unha Smart City ou no que queremos que sexa unha Smart City.
-C.C.: Como director da entidade público-empresarial Red.es, terá unha visión especialmente ampla sobre a implantación da Sociedade da Información en España, sobre as fortalezas e feblezas do país na era dixital. En que é forte España, tecnoloxicamente falando? En que non o é e debería mellorar? Cal é, en termos medios e xerais, a materia pendente, a día de hoxe?
-B.A.: Temos as nosas fortalezas, outra cousa é que ás veces sexamos críticos... En infraestruturas non estamos mal, en banda larga tampouco estamos, tanto fixa como móbil. Cómpre salientar o esforzo que estamos a facer en adiantar a liberación do dividendo dixital, facilitando que as infraestruturas móbiles serán de alta capacidade, botando man do 4G. Temos por exemplo un escaparate de primeiro nivel como é a Mobile World Capital de Barcelona onde estamos a participar todas as administracións e que, aínda que sexa en Barcelona, é unha oportunidade para toda España, onde eu coido que temos non só que abranguer o tema da mobilidade non só dende o punto de vista da fabricación de terminais senón tamén os servizos e contidos que se teñen que facer para eses terminais. E conectándoo co tema que nos trae hoxe aquí, para min o smarthpone ten que ser a chave da Smart City, xa que é xustamente o punto de conexión do cidadán cos servizos intelixentes que lle pode achegar a cidade. Outra fortaleza sería, alén das infraestruturas, todo o que é a Administración Electrónica ou o e-goberno, aspecto no que España goza dun bo recoñecemento e onde acadamos un bo nivel, dende hai moitos anos véñense premiando iniciativas españolas, comezando pola Axencia Tributaria, a Seguridade Social e a Administración Electrónica en xeral. Dicir que recentemente recibimos un premio da ONU arredor desta cuestión da dixitalización das institucións. E para dicilo todo, no que de verdade fallamos, ou non estamos tan fortes, é na incorporación ao comercio electrónico da economía dixital da MicroPEME. Non a grande e mediana empresa, que esas xa están, pero a MicroPEME -a empresa familiar- aínda non se incorporou á economía dixital e ao comercio electrónico. E entón neste apartado onde estamos tentando facer un esforzo maior.
-C.C.: Por exemplo a través de Vendes en internet?
-B.A.: Exacto, a través de Vendes en internet?,que xa vai pola segunda edición. Trátase dunha iniciativa para achegar o comercio electrónico ás PEMES e MicroPEMES sector por sector, porque con anterioridade viñamos facendo uns cursos moi xenéricos de comercio electrónico e nesta edición quixemos ir a sectores concretos. Tamén houbo algúns xenéricos pero en casos ben definidos e delimitados, porque a xente está a sentir que antes podías permitirte o luxo de estar ou non estar en Internet pero a día de hoxe se non figuras en Internet, non existes. Pois agora todo o mundo procura na Rede o que quere mercar, aínda que logo se desprace fisicamente até o lugar en cuestión para mercalo. Polo cal eu considero que na actualidade a xente xa o percibe como unha necesidade, por iso estes obradoiros son unha das nosas principais liñas de acción. Tamén temos outra liña para a xente que xa figura no comercio electrónico e que ten feitura de programa de mentoring. Trátase dun curso avanzado para mellorar o posicionamento, a presenza en internet, os xeitos de pagamento, etc. Pero, volvendo a Vendes en internet?, cómpre sinalar que é o primeiro chanzo para dar o pulo á economía dixital de sectores moi tradicionais que aínda non posúen a presenza que deberían ter en Internet.
-C.C.: Como é o caso do téxtil, que é o sector no que se centra o programa que se está a desenvolver estes días en Galicia.
-B.A.: Si, o caso do téxtil é un bo exemplo, pois acontécelle o mesmo que ao sector do moble (ao que tamén lle adicamos unhas xornadas en Madrid): teñen que competir contra monstros coma Ikea ou Zara que posúen unha presenza moi ben organizada na Rede. E como poden facer fronte a esta competencia? Pois, primeiro, amosando unha oferta variada pero tamén tendo un escaparate na Rede tan ben disposto como teñen estas grandes empresas. Isto facémolo a través de asociacións sectoriais que tentan agregar a oferta para que logo a xente que vai á procura dun determinado artigo nun mesmo circuíto e plataforma poida atopar todas as tendas coma se dun centro comercial se tratara.
-C.C.: Está vostede en Santiago para falar de cidades intelixentes e conectadas, que son, por así dicilo, os espazos urbano-dixitais onde habitaremos e nos comunicaremos o día de mañá, integrándose especialmente os termos habitar e comunicarse (as fronteiras entre ambos os conceptos tenderán a esvaecerse). A nosa pregunta é: contan as cidades españolas cos alicerces apropiados para sacar o máximo partido do concepto-método cidade dixital?
-B.A.: Eu penso que si existen os alicerces e se comparamos a unha cidade cun organismo vivo coma o propio ser humano, temos por unha banda unha base fisiolóxica -de infraestruturas- e logo, xa avanzando cara ao ámbito da intelixencia, ten que haber despois de todos os proxectos de sensorización unha especie de centro de control onde se monitorice toda a actividade da cidade como a dun organismo -como se do noso cerebro se tratara- e iso serán datos que axudarán a tomar decisións estratéxicas. Polo tanto, podemos dicir que os alicerces están e tamén xa se están a facer proxectos moi importantes que axudan aos cidadáns, como a luceciña que nos avisa de se nun aparcadoiro hai prazas dispoñibles, feito que nos axuda a aforrar tempo e combustible e contaminar menos. En definitiva, o concepto intelixente nunha cidade tradúcese como útil.
-C.C.: A grandes liñas, en que nos vai a beneficiar vivir nunha cidade intelixente? Serán cidades máis limpas, máis accesibles, máis seguras?
-B.A.: Pois se se fai ben, si. Eu sempre digo que as cidades non son intelixentes, se se xestionan ben si que o serán, comezando porque calquera proxecto proposto supoña un aforro para os servizos municipais e tamén para os cidadáns e que se traduza nun incremento da calidade de vida. E nestes tempos de crise hai que reempregar máis que nunca os recursos, ordenalos do xeito máis intelixente e eficiente posible. E en definitiva, se se fai ben, serán os mesmos cidadáns os que xulguen se unha cidade está xestionada intelixentemente, sendo entón unha cidade intelixente.
-C.C.: Hai algún sector do que haxa probas especialmente palpables de que as cousas lle van ben facendo uso do ecommerce?
-B.A.: Si, eu sempre cito un caso: canta xente merca unha casa por internet? Poderiamos dicir que ninguén, sen embargo proxectos como idealista.com e outra empresas españolas teñen axudado moito á hora de vender casas. O mesmo acontece cos coches, antes de mercar un botan unha ollada á Rede, comparan prezos, fabrícase o seu propio coche nunha web de concesionario... pero ao final quere dar unha volta e probalo así que ten que acudir a un concesionario. Pero Internet foi unha grande axuda para que esa venda se levara a cabo. Con todo, o importante, non é o comercio electrónico senón o comercio. En definitiva, o importante é que as empresas españolas vendan máis grazas a Internet.
-C.C.: Cal é, a día de hoxe, o principal obxectivo da entidade que vostede dirixe?
-B.A.: Red.es ten como obxectivo xeral o de consolidar a sociedade da información e máis polo miúdo xestionar os rexistros dos dominios .es, a RedIris (red española para la interconexión de recursos informáticos) e programas de desenvolvemento da Sociedade da Información con fondos FEDER. Á parte temos o Observatorio da Sociedade da información e das Telecomunicacións e en INTECO (que está en León) o noso centro especializado en seguridade en Internet. Temos outra fundación de software libre chamada CENATIC (en Estremadura) e participamos noutra fundación privada co nome de FUNDETEC.
-C.C.: Está vostede ao tanto das cousas TIC que se están a facer dende a nosa terra?
-B.A.: Si, estou ao tanto, amais de ter moito contacto tanto coas asociacións sectoriais galegas como co Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións e logo coa propia Administración, temos proxectos en común con AMTEGA, con Mar Pereira. E o que atopamos en Galicia (non así noutras comunidades autónomas) é unha colaboración en programas nacionais, temas que se desenvolven en Galicia e logo se empregarán en toda España. Grazas a estas colaboracións entre comunidades puidemos levar adiante proxectos como os do sistema nacional de saúde (coa receita electrónica, o historial clínico dixital, a tarxeta sanitaria...), en educación (conectividade, equipamento, contidos educativos). Cónstame que Galicia sempre actuou con moita xenerosidade neste aspecto, pois sempre optou por compartir os seus achados co resto das administracións. E eu coido que nunha época de crise como a que estamos a vivir, esa actitude é a axeitada, por iso colaboramos de maneira estreita coa Administración galega. E boa proba diso é que nos últimos premios FUNDETEC case se podería dicir que todos os galardoados foron galegos.

PUBLICIDADE