O centro atlanTTic desenvolve aplicacións para a detección temperá de deterioro cognitivo

xoves, 20 de abril do 2023 S. P.

Investigadores e investigadoras do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, da Universidade de Vigo traballan no desenvolvemento de aplicacións para a detección temperá do deterioro cognitivo en persoas de idade avanzada. Estas ferramentas tecnolóxicas, Panoramix e DigiMoca, empregan metodoloxías propios da Intelixencia Artificial (IA), sendo o seu obxectivo concreto “avaliar os e as pacientes” e “testar a súa efectividade en centros sociosanitarios de Galicia”.
No marco destes dous proxectos estes mes comezarán a realizar probas con persoas usuarias de centros de día como o de Parque Castrelos de Vigo.
Manuel Fernández Iglesias, Luis Anido Rifón e Noelia Lago Priego, persoal investigador de atlanTTic, xuntáronse estes días coas persoas usuarias destas ferramentas no centro diúrno de Castrelos, onde tomaron nota das súas demandas e necesidades, así como das propostas dos profesionais e responsábeis do servizo.
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, asistiu tamén á visita e salientou a relevancia de tirar partido dos beneficios para a saúde e a calidade de vida que poñen en xogo novas ferramentas como Panoramix (videoxogo para combater a demencia e o alzhéimer que ten a capacidade de detectar, en algo máis de media hora, os primeiros sinais de deterioro cognitivo dunha persoa antes de aparezan os verdadeiros síntomas) e DigiMoca.

PUBLICIDADE