O Grupo Femxa pon a disposición dos farmacéuticos os seus contidos e canles de formación dixital

mércores, 31 de outubro do 2012 Redacción

O Grupo Femxa, corporación de raizame galega, presentou estes días unha nova iniciativa de e-learning para os usuarios dos seus servizos. Máis polo miúdo, trátase de pór a súa completa oferta formativa a disposición de Asefarma, asesoría de farmacéuticos. Deste xeito, a empresa galega achegaralles aos traballadores dos dispensarios que integran esta plataforma-asesoría os seus cursos de formación bonificada, sen custe neto para as empresas, a realizar a través de e-learning (ensino a través das novas tecnoloxías da comunicación) e a distancia.
Grazas a isto, sinala FEMXA, os traballadores das farmacias asociadas a Asefarma poden elixir no seu catálogo de accións formativas, acompañando isto de solucións formativas eficaces e orientadas ás súas necesidades e dispoñibilidade. Ou sexa, facendo uso das máis innovadoras canles de formación. Neste senso, engade o Grupo, a modalidade de e-learning permite planificar a formación segundo lle sexa posible ao alumno recibir os contidos, para o que se conta cunha plataforma web “que destaca pola súa sinxeleza, funcionalidade e seguridade”. Nela, engade, os usuarios poden obter o máximo rendemento e a meirande autonomía para formarse onde e cando queiran. Asemade, os contidos das actividades van ser actualizados de xeito periódico, co obxectivo de que os farmacéuticos adheridos a Asefarma estean ao día nas demandas e as novas necesidades que hai no seu sector.

PUBLICIDADE