O CCG convídanos a desenvolver un videoxogo para complementar a súa mostra sobre Afonso X e Galicia

martes, 9 de marzo do 2021 S. P.

O Consello da Cultura Galega segue a botar man das máis innovadoras metodoloxías para acadar a máxima repercusión nas súas actividades. Desta volta botou man do que se coñece como gamificación para ampliar as ramificacións da súa mostra Afonso X e Galicia, que celebra e visualiza os vencellos que tivo o senlleiro monarca coa nosa terra. A iniciativa foi posta en marcha xunto coa asociación Videoxogo.gal. Trátase, en detalle, dunha game jam para realizar un videoxogo a partir da dita mostra. A experiencia (un encontro virtual de desenvolvedoras e desenvolvedores) comeza este martes 9 de marzo a través da plataforma Itch.io.
Segundo informa o CCG, o equipo gañador recibirá un premio de 250 euros en metálico.
A proposta é unha das actividades complementarias da exposición Afonso X e Galicia que se pode visitar na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela ata o día 24 de abril e que pretende achegar un itinerario pola figura e o legado do monarca, un percorrido pola cultura medieval e a súa conexión con Galicia. Os universos temáticos que percorre a mostra do Consello serán, precisamente, os vimbios dos que terán que botar man as e os participantes na game gam. O CCG e a Asociación Galega de Videoxogos consideraron estas temáticas de “gran riqueza” para difundir este legado cultural entre o público novo a través de novos soportes e linguaxes.
Dinámica da game jam
O prazo para a recepción de propostas ficará aberto até o 22 de marzo. O fallo do xurado comunicarase publicamente o 30 de marzo e o 6 de abril celebrarase a entrega do premio ao equipo gañador na sede da exposición.
Segundo establecen as bases, “neste certame pode participar calquera persoa ou equipo sen ningún tipo de restrición”. Amais, “será completamente virtual” e “poderase empregar calquera motor para o desenvolvemento de videoxogos”.
Os equipos poderán estar formados por un máximo de tres membros e cada persoa só poderá estar incluída nun equipo.
Para a realización do xogo poderase reutilizar ata 1/3 do contido, tanto en activos (assets) como en código. O resto deberá ser desenvolvido durante a jam.
Ademais, os xogos deberán estar subidos á plataforma Itch.io, deberán de poder ser instalados desde a súa app e estarán habilitados para libre descarga por parte dos usuarios e as usuarias.
Ademais do xogo, é obrigatorio subir un vídeo que explique como xogar (gameplay) a calquera plataforma de streaming (Youtube, Twitch, Mixer, etc.).
Premio e xurado
O proxecto gañador recibirá como dixemos 250 euros en metálico. O xurado, formado por profesionais e académicos relacionados co sector do videoxogo e os contidos interactivos, valorará a orixinalidade e adecuación ao tema, así como o deseño da proposta (a súa narrativa, os niveis, a experiencia de usuario...), a arte (aspecto gráfico e visual...) así como a música ou o son.
Integran o xurado Luz Castro Pena, profesora da Universidade da Coruña, directiva de Videoxogo.gal, desenvolvedora de videoxogos e socia de Imaxin|Software; o xornalista Carlos Pereiro, membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega e editor da revista Morcego; e Manuel Gago, xornalista, profesor asociado na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago e director de Culturagalega.gal, a plataforma de divulgación do Consello da Cultura Galega.
A exposición
A mostra Afonso X e Galicia presenta o Rei Sabio como “un monarca que tivo grandes logros culturais”, pero tamén “grandes fracasos políticos e contradicións persoais, que soñou ser o grande emperador de Europa e que acabou destronado polo seu propio fillo”. O relato da exposición do CCG achéganos a un home ocupado na construción dunha monarquía absoluta fronte á Igrexa e a aristocracia, cunha personalidade que se posiciona entre o pobo e a divindade, que enxalza a figura de Santa María e que entra en conflito co cabido compostelán.
Tamén afonda na visión de universalidade do Rei Sabio no ámbito cultural, cos proxectos de tradución de/a diferentes linguas, coa súa vontade científica e coa súa concepción historiográfica. “A isto”, engade o Consello da Cultura, “súmase a conexión política do proxecto real con todos os eidos da cultura, é dicir, a utilización do proxecto cultural con obxectivos políticos, combinando diversos sistemas ideolóxicos para un mesmo fin: a consolidación e xustificación dun proxecto político centrado na persoa do monarca”.

PUBLICIDADE