GAIN loce ecosistema innovador galego no Foro Europeo Transfiere 2024

venres, 22 de marzo do 2024 S. P.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) está a poñer en valor, no Foro Europeo Transfiere 2024 que se celebra até este venres 22 en Málaga, o modelo de ecosistema galego de I+D+i. Faino a través dun mostrador institucional no que participa unha delegación dunha vintena de entidades de I+D+i galegas que presentan neste encontro profesional e multisectorial as súas capacidades científicas e tecnolóxicas.
Están presentes a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde da Consellería de Sanidade; as Universidades da Coruña, Santiago e Vigo; a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Idis), o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), a Delegación do CSIC en Galicia, a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA), que engloba ao centro tecnolóxico AIMEN, a ANFACO-CECOPESCA, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) , Gradiant, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Energy Lab e o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM); o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), Tecnópole, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (BIOGA), o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (VIRATEC) e Unirisco. Esta iniciativa ten como obxectivo “xerar oportunidades de colaboración para a investigación e a innovación que se está a facer en Galicia”.
Segundo lembra GAIN, Transfiere 2024 é “o maior evento europeo sobre transferencia no que compartir coñecemento científico e tecnolóxico, conectar o ecosistema de I+D+i español co ámbito global e vincular ciencia e empresa.” Ademais, a Axencia Galega de Innovación interveu este xoves nunha mesa redonda na que se debateu sobre a territorialidade na innovación, xunto a representantes do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e das administracións autonómicas de Andalucía, Illas Baleares e a Comunidade Valenciana.
A participación neste foro enmárcase no Programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, que ten como obxectivo “mellorar a transferencia dos resultados da investigación realizada nos centros de coñecemento galegos ao tecido produtivo, de maneira que se valorice o investimento en ciencia, xerando tamén impacto na sociedade”.
O Programa Ignicia é unha iniciativa singular e pioneira en España, que contribúe desde 2016 á transformación do modelo económico en Galicia. A través de Ignicia apoiáronse 32 proxectos e impulsouse a chegada ao mercado de 13 deles (10 spin-offs creadas e 3 acordos coa industria), a creación de máis de 120 empregos ou a captación de 19,8 millóns de euros en investimentos e financiamento público-privado. Ademais, actualmente hai uns 200 profesionais formados en transferencia de coñecemento en Galicia a través do Programa Ignicia por medio de ciclos formativos específicos, ademais de facilitarlles asesoramento para a solicitude do certificado RTTP (Registered Technology Transfer Professional), o estándar internacional que acredita a competencia e experiencia dos profesionais da transferencia de coñecemento e tecnoloxía. Galicia é a Comunidade con máis profesionais de xestión de transferencia que contan coa acreditación RTTP, sumando actualmente unha vintena.

PUBLICIDADE