A creación de plataformas, series e podcast protagonizarán a Zona Pro do CIP

xoves, 21 de marzo do 2024 S. P.

O certame de contidos dixitais Carballo Interplay (CIP) adicará parte da xornada do venres 5 de abril á Zona Pro, un espazo de reflexión e xuntanza no que voces relevantes do mundo dixital e audiovisual conversarán sobre temas de actualidade e tendencias nestes eidos. Falarase do éxito da rexouba e a nostalxia na Rede cos xornalistas Juan Sanguino, Raquel Piñeiro e Anxo F. Couceiro, do estado dos podcast e series web co investigador e director de Estación Podcast Nacho Gallego e co cineasta Joël Bassaget.
O lanzamento de OTT nas televisións autonómicas CRTVG e EITB, de Euskadi será outra das cuestións a tratar. Ademais, durante a tarde os asistentes poden participar nun obradoiro de creación dixital da man de Pol Mallafré, de Mockudrames. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse de balde no formulario dispoñíbel na páxina web do festival.
Entre o 4 e o 7 de abril
O Carballo Interplay celebrarse entre o 4 e 7 de abril e terá como sede o Mercado de Carballo. Unha das misións do evento é converterse no centro da creación audiovisual e dixital sendo altofalante das últimas tendencias na Rede e convidando a profesionais, empresas e curiosos nestas áreas. Na Zona Pro reúnense nesta undécima edición distintas voces que darán conta da súa experiencia. Abrirá a xornada o tema OTTs nas televisións autonómicas. Adaptación e fusión para o presente ás 10:30, coa participación de María Sabucedo (directora das plataformas de CRTVG Agalega.gal e Xabarin.gal) e Unai Iparragirre, director de EITB. Ás 11:30 comezará o panel con Joël Bassaget, guionista de series de animación dende 1989 e investigador na Universidade de Wollongong (Australia), falará das tendencias actuais no mundo das web series. Ás 12:30 o tema do panel será o podcast, da man de Nacho Gallego, investigador da industria sonora e director de contidos de Estación Podcast, un dos eventos máis importantes da creación sonora en español.
Pecha a xornada da Zona Pro o panel Internet para explicar o presente a través do pasado. É a rexouba éxito asegurado? O rexurdimento en redes sociais da cultura das décadas 1980 - 1990 e a valorización da cultura popular, ou cultura pop, na actualidade serán algúns dos temas dos que falen Juan Sanguino (xornalista cultural e autor do ensaio Cómo hemos cambiado ou do podcast Delirios de España), Raquel Piñeiro (escritora e xornalista, publica dende 2019 artigos sobre vodas de famosos do pasado en Vanity Fair) e Anxo F. Couceiro (xornalista especializado en cultura, crítica de televisión e crónica social, coordinador dos especiais da revista Lecturas Años Dorados).
Durante a tarde, ás 18:00 no Mercado de Carballo, terá lugar un obradoiro aberto de creación dixital, con entrada de balde, a cargo de Pol Mallafré, o cómico detrás do nome de Mockudrames. Mallafré compartirá cos asistentes como crear vídeos para internet cunha mensaxe potente e divertida, dende elixir o formato, o ritmo ata o traballo en fases de montaxe.

PUBLICIDADE