O CCG avalía as tendencias actuais no proceso de dixitalización de arquivos

mércores, 14 de xuño do 2017 Redacción

Este 15 de xuño, quinta feira, celébranse na sede do Consello da Cultura Galega (CCG) uns encontros encamiñados a fornecernos de recursos e claves para salvagardar e dispoñibilizar material histórico: que métodos lle acaen mellor a cada documento, que tipos de procesos se están a impoñer a día de hoxe, como optimizar o desenvolvemento e o remate dos proxectos, etc. As xornadas Dixitalización de arquivos. Tendencias, procesos e plans de execución comezan ás 9.15 horas da man de Xosé López, coordinador da actividade e secretario da institución. A intención do CCG é afrontar a devandita temática en “dúas direccións”. Por unha banda centrándose en coñecer o proceso, e, pola outra, buscando describir como os documentos xa dixitalizados se poñen a disposición da cidadanía. As xornadas poderanse seguir en directo a través da web da institución.
En palabras do Consello, a cita ten como obxectivo prioritario “analizar a evolución dos procesos de dixitalización dos arquivos nos últimos anos e coñecer as tendencias actuais, así como as oportunidades que hai non só para preservar mellor os fondos, senón para difundilos e poñelos accesibles á cidadanía”.
A cita arrinca coa descrición xeral do panorama, a cargo de Mercedes Caridad, da Universidad Carlos III de Madrid, que ofrecerá un estado da cuestión e das tendencias actuais. Desa mesma universidade virá Jesús Robledano Arillo cun relatorio chamado Análises de casos de dixitalización de arquivos que resultan paradigmáticos: cara á definición dun modelo para a representación dixital do patrimonio documental. Máis tarde, Ernest Abadal, da Universitat de Barcelona, falará das novas tecnoloxías da información aplicadas á documentación nos arquivos. Pechará a xornada Javier Leiva Aguilera, da Universitat de Vic - Universitat Central de Catalunya, para abordar a cuestión de Os arquivos na sociedade rede e o papel do content curator.

PUBLICIDADE