Novos impulsos da USC e o Concello e Diocese de Lugo ao proxecto Muralla Dixital

venres, 25 de abril do 2014 Redacción

A Universidade de Santiago anunciou hoxe a renovación do seu compromiso polo desenvolvemento do programa Muralla Dixital, unha iniciativa da que xa temos falado en Código Cero salientando precisamente o apoio previo da USC e o cometido do programa: usar as novas tecnoloxías e as técnicas máis innovadoras para trasladar o patrimonio da cidade de Lugo á Rede, facendo así posíbel que se coñeza o seu potencial e beleza alén das nosas fronteiras. Pois ben, este venres o proxecto colleu pulos extra coa sinatura dun novo pacto entre o Concello, a Diocese de Lugo e a USC dirixida a pór en valor a riqueza da cidade de Lugo botando man de recursos actuais da innovación.
Muralla Dixital, unha iniciativa financiada con máis de 1,4 millóns de euros pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional -no marco do Programa de Cooperación Transfonteiriza España-Portugal 2007-2013- ten como obxectivo a creación dunha rede de cinco cidades amuralladas de Galicia e do Norte de Portugal (Santiago, Lugo, Monçao, Melgaço e Valença) que apostan pola xestión conxunta para a valorización do seu patrimonio histórico e arqueolóxico a través da aplicación e do uso das TIC.
O programa está liderado polo Concello de Lugo, mentres que a participación da USC, un dos socios colaboradores do proxecto, centrarase na elaboración dun estudo evolutivo das cidades de Lugo e de Santiago. O obxecto fundamental deste traballo, sinalaron hoxe os seus impulsores, é “propor o estudo urbano das dúas cidades a partir dun elemento patrimonial indiscutible como é o caso da muralla de Lugo”.
O convenio asinado entre a USC, Concello de Lugo e Diocese de Lugo serve de marco legal co que se dá autorización ao persoal do Concello e da USC para acceder ao patrimonio eclesiástico e captar imaxes do seu interior e exterior, así como dos bens ou elementos artísticos que acubillan. Segundo informa a USC, “o coñecemento e a posterior divulgación deste patrimonio a través da dixitalización das imaxes captadas antóllase de sumo interese para a investigación que desenvolverá a Universidade, xa que ata o pasado século XIX Lugo era unha cidade episcopal, co que o bispo era a máxima autoridade da que, en certa medida, dependían todas as demais institucións (Concello, tribunais...)”. Daquela, engadiu, a posibilidade de acceder ao rico patrimonio eclesiástico de Lugo “é esencial para explicar a evolución experimentada pola cidade”.

PUBLICIDADE