O Proxecto Muralla Dixital incluirá unha ruta transfronteiriza e aplicacións sobre o patrimonio galego-portugués

mércores, 17 de xullo do 2013 Redacción

A Porta de Santiago na Muralla de Lugo /Imaxe de HombreDHojalata

A asociación INEO vén de amosar en detalle os múltiples beneficios que está a achegar xa o Proxecto Muralla Dixital, unha iniciativa dirixida a aplicar as novas tecnoloxías para a posta en valor do patrimonio histórico dos recintos amurallados de cidades de Galicia e do norte de Portugal. Este proxecto, liderado polo Concello de Lugo en colaboración co de Santiago e INEO (amais dun bo número de entidades lusas), é a xuízo de Lucía Gregorio, directora xeral da dita asociación empresarial galega, “unha xanela á nosa historia” dende a que promover, defender, divulgar e coidar o noso patrimonio. Unha xanela, ademais, en constante evolución e con potencial para ser aplicada a outros ámbitos. A súa evolución, precisamente, é obxecto de análise na entrevista a Gregorio feita polo Observatorio Virtual de Transferencia de Tecnoloxía.
Segundo nos conta, é importante salientar que ao abeiro desta iniciativa desenvolvéronse obradoiros de sensibilización e formación, un estudo evolutivo das cidades participantes e actividades tecnolóxicas de reconstrución das murallas, así como a posta a disposición de toda esta información a través de medios dixitais aos cidadáns e visitantes. Asemade, estase a dar forma á Ruta transfronteiriza das murallas e a unha aplicación para móbil e tablet que ten como obxectivo mellorar a experiencia que o turista ten na súa visita ás murallas, “ao poder visualizar como era na época medieval ou romana o punto no que se atopa situado”, sinala.
En opinión de Gregorio, cómpre reformular o significado do termo muralla, e cara a isto tamén se dirixe o proxecto en cuestión: cara a promover un concepto de muralla que non aluda ao sentido defensivo e separador orixinal senón a elementos integradores e que son quen de dotar de identidade ás cidades. “Como sistema artellador dos territorios, as murallas condicionan o presente, pasado e futuro das cidades, desde un punto de vista arquitectónico, paisaxístico e social, ademais, son testemuñas de excepción do transcurso da historia”, explica.

Lucía Gregorio, directora xeral de INEO

Segundo engade, xa facendo referencia ao miolo activo de Muralla Dixital, “existen dúas grandes zonas de intervención do proxecto, unha delas situada no centro norte de Galicia, que conta con dous dos elementos arquitectónicos/arqueolóxicos máis representativos, como son: a Muralla Romana de Lugo (patrimonio da humanidade), que data desde o século III; e Santiago de Compostela, onde se conservan poucos restos da muralla que quedou integrada noutros edificios ou foi substituída por estes, polo que quizá se fai máis significativo a reconstrución virtual da mesma; e por outra banda está a outra zona formada polas fortificacións da zona sur de Galicia e Norte de Portugal da época moderna do século XVII-XVIII, nas cidades de Valença do Minho, Monçao e Melgaço”.
O Proxecto Muralla Dixital, impulsado polo Concello de Lugo, conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, INEO, a Cámara Municipal Valença do Minho, o Centro de Computaçao Gráfica Azurém, a Cámara Municipal de Monçao e a Cámara Municipal de Melgaço, conta co financiamento de fondos FEDER da Unión Europea e está integrado no Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, cun orzamento total de partida de 1.883.800 euros (os que 1.412.850 euros correspóndense a fondos FEDER).
O programa Muralla Dixital aposta pola innovación e os contidos dixitais e interactivos, aproveitando as TIC para deseñar unha ruta transfronteiriza das murallas e unha estratexia conxunta para a divulgación dos contidos dixitais interactivos (con contidos que describen como 4D, e outros en 2D e 3D en pantallas táctiles). Tamén emprenderán accións complementarias para pór en valor o patrimonio a través das TIC facilitando contidos para smartphones a través de redes Wi-Fi, códigos QR e Bluetooth.

PUBLICIDADE