Microsoft ofrecerá espazo ilimitado en OneDrive para os usuarios de Office 365

luns, 27 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Microsoft quixo potenciar a contratación do seu servizo Office 365 engadindo 1 Tb de almacenamento en OneDrive aos seus subscritores, o que supón unha oferta altamente competitiva, xa que por 69 euros/ano un particular xa pode gozar dunha capacidade de almacenamento na nube que resultaría considerablemente máis barata que en servizos como Dropbox, de xeito que este incentivo resultaría altamente atractivo (pois podería verse como se a suite ofimática fose de balde cando contratamos almacenamento en OneDrive).
Vese que esta proposta está a funcionar ben, e agora anuncian que están a comezar a aplicar unha nova oferta nesta liña, que consiste en que os usuarios das versións doméstica, persoal ou para estudantes de Office 365 poderán solicitar a súa inclusión nun novo programa que ampliaría a capacidade de OneDrive até un tamaño ilimitado, polo que sería unha da solucións máis asumibles para a realización de copias de seguridade de todos os nosos documentos de traballo, facendo que o almacenamento na nube se converta nun importante valor engadido para o Office de Microsoft, en boa medida por facilitar o uso do servizo na nube ou dende varios dispositivos.

PUBLICIDADE