OneDrive incrementa a súa capacidade de balde e convértese nun grande incentivo para contratar Office 365

luns, 23 de xuño do 2014 Marcus Fernández

O servizo de almacenamento na nube de Microsoft, OneDrive, está a mudar as súas capacidades, de xeito que os novos usuarios xa non partirán de 7 Gb de almacenamento, senón que gozarán de 15 Gb de balde para gardar os seus documentos, fotografías e vídeos, aínda que o incremento de capacidade será moito máis significativo para os usuarios de Office 365, que pasarán de gozar de 20 Gb de almacenamento adicional a contar con 1 Tb de almacenamento coa súa subscrición, o que podería ser un grande argumento para dar o salto de Office 2013 a Office 365.
Lembremos que actualmente Office 365 ofrécese en versións persoal e doméstica (a versión doméstica é válida para até 5 equipos) por 7 e 10 euros/mes respectivamente (ou 69 e 99 euros/ano) así como en versións empresariais con prezos que parten dos 4,10 euros/usuario/mes, prezos que estarían na liña do que ofrece Google co seu almacenamento na nube e que son moi inferiores aos de servizos como Dropbox, polo que en moitos casos só OneDrive xa compensaría a contratación de Office 365.
Para os que non desexen contratar Office 365, OneDrive tamén reduce os seus prezos de ampliación de capacidade de almacenamento, que pasará de 7,49 a 1,99 dólares/mes por 100 Gb adicionais e de 11,49 a 3,99 dólares/mes por 200 Gb adicionais.
Estes cambios en OneDrive aplicaranse no mes de xullo, proceso que será automático para os usuarios actuais.

PUBLICIDADE