Manolo Rodríguez explicará en WeKCo como tirar un maior proveito das redes sociais

luns, 27 de xuño do 2016 Marcus Fernández

O pasado 11 de xuño o xornalista e blogueiro Manolo Rodríguez despediu as súas charlas dixitais no Espacio Coworking do centro comercial Espacio Coruña até despois do verán, co seu relatorio sobre Como sacar o máximo partido ás redes sociais, e quen perdera a oportunidade de asistir pode acudir mañá mesmo a WeKCo, na Avenida Novo Mesoiro da Coruña entre as 20:00 e as 21:15 horas para gozar desta charla formativa que a través de exemplos de persoas e empresas que están a utilizar moi ben as redes sociais aprenderase a velas doutro xeito e así aprender a tirar un partido máis profesional das mesmas.
O relatorio de Rodríguez desenvolverase durante 45 minutos, tras o que seguirá un tempo de interacción cos asistentes para clarexar dúbidas e responder a preguntas. Esta actividade está orientada a profesionais independentes, autónomos, empresarios, traballadores... en definitiva, a calquera que queira tirar un maior partido das redes sociais. A charla é completamente de balde, pero ante a limitación de aforo será preciso inscribirse en liña para poder acudir.

PUBLICIDADE