Libra, a criptomoeda de Facebook, perde aos seus socios principais

venres, 11 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Cando Facebook anunciou a súa intención de crear unha criptomoeda coa colaboración de xigantes como MasterCard, PayPal, Visa, eBay, Spotify, Lyft, Uber, Booking ou Vodafone, xurdiron moitas dúbidas sobre o proxecto e grandes temores sobre o impacto que podería ter sobre as moedas dos distintos estados, de xeito que tanto dende EE.UU. como dende a Unión Europea xurdiron voces contrarias á creación de Libra.
Aínda que Facebook é o principal promotor deste proxecto de moeda dixital e internacional, son moitas as compañías que colaboraban inicialmente nesta iniciativa pero, ao ver como os gobernos dos distintos países comezaban a poñelos baixo a lupa, preferiron dar un paso a un lado, e anunciar o abandono da Asociación Libra antes da primeira xuntanza do Consello de Libra, que terá lugar o vindeiro luns.
Unha das primeiras compañías en abandonar o barco foi PayPal, á que nas últimas horas uníronse MasterCard, Visa, eBay, Stripe e Mercado Pago, ou sexa, que o proxecto pasa de ser algo excepcional ao contar cos principais mediadores de pagamentos do mundo a converterse nunha iniciativa moito máis modesta ao perder aos grandes axentes globais en pagamentos electrónicos, e que claramente eran os socios máis importantes despois de Facebook.
Que estas empresas non vaian formar parte dos fundadores de Libra non quere dicir que non poidan sumarse ao proxecto no futuro, pero dá a impresión de que, agás que esta iniciativa mude profundamente, vai carecer dos apoios necesarios para chegar a bo porto, principalmente por non querer as compañías enfrontarse a autoridades gobernamentais de todo o mundo, que ven ameazada a súa soberanía económica.
Neste momento dá a impresión de que estamos ante un proxecto que nace morto ou que, aínda que prospere, non será nin unha sobra do obxectivo que tiñan marcado inicialmente.

PUBLICIDADE