Facebook presenta unha criptomoeda e o seu correspondente moedeiro dixital

martes, 18 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Hoxe presentouse oficialmente Calibra, unha filial de Facebook que ofrecerá servizos financeiros para permitir que as persoas poidan acceder e participar na rede Libra, que sustentará unha nova moeda global baseada en tecnoloxía blockchain, e para a que Calibra creará como primeiro produto un moedeiro dixital que estará dispoñible a través dunha aplicación de seu, así como a través de Messenger e WhatsApp, e que está previsto que vexa a luz en 2020.
Aínda que en Occidente esteamos afeitos a ter contas bancarias e realizar operacións económicas en liña con certa normalidade, dende Facebook lembran que a metade dos adultos do mundo non teñen unha conta bancaria activa, situación moito peor cando falamos de países en vías de desenvolvemento e a poboación feminina, de aí que unha solución como Calibra podería ser práctica, a facer doado gardar, enviar e gastar a criptomoeda Libra.
Esta tecnoloxía permitirá realizar pagamentos e envíos de cartos a calquera que teña un smartphone, dun xeito rápido e doado, e que podería ser de balde; de popularizarse esta tecnoloxía podería empregarse para pagar facturas con só premer un botón, pagar un café con escanear un código ou empregar o transporte público sen ter que levar cartos en efectivo.
Aseguran que Calibra terá grandes medidas de seguridade para protexer os cartos e a información dos usuarios, cun nivel de seguridade equiparable aos de bancos e tarxetas bancarias, con mecanismos de detección de fraude, de xeito que no caso de vulneracións da seguridade dende Facebook faranse cargo dos cartos subtraídos. Tamén insisten no feito de que Calibra non compartirá a súa información con Facebook ou terceiros sen o consentimento do usuario, ou sexa, que non empregarán os datos da actividade económica dos usuarios para facilitar os mecanismos que lles acheguen publicidade personalizada.
Para manter esta moeda dixital fundouse a Asociación Libra, con oficinas centrais en Xenebra (Suíza) e que conta con membros como MasterCard, PayPal, Visa, eBay, Spotify, Lyft, Uber, Booking ou Vodafone, ou sexa, que non está exclusivamente nas mans de Facebook, deixando claro que moitas compañías non queren quedar á marxe dunha tecnoloxía que podería revolucionar a economía global.
Esta nova criptomoeda non pretende ser un BitCoin, como queda en evidencia ao estar respaldada por unha reserva creada para manter o seu valor estable, ou sexa, que mantería certos valores tradicionais en vez de basearse nuns principios transgresores, e principalmente persegue funcionar no móbil, ser global, ser fiable, permitir operacións rápidas e ser escalable, atendendo así a unhas demandas cidadáns que até o momento atendían dende o sector bancario, que agora tería un duro contendente.
A proposta de Facebook pode parecer revolucionaria, pero non podemos esquecer que en mercados como o da China as aplicacións de mensaxería instantánea convertéronse en ferramentas de pagamento de grande peso en moi pouco tempo, de aí que querer trasladar tal fenómeno a outros mercados emerxentes semella unha proposta moi interesante, da que haberá que ir vendo o seu desenvolvemento para comprobar a recepción tanto dos cidadáns como dos gobernos (que poderían ter reticencias ante unha moeda dixital global).

PUBLICIDADE