LG podería ter abandonado o mercado dos smartphones

martes, 23 de marzo do 2021 Marcus Fernández

O fabricante surcoreano LG comezou o ano amosando músculo no CES de Las Vegas e anticipando que este ano poría á venda un smartphone con pantalla enrolable, para poucos días despois recoñecer que estaba a estudiar o abandono do mercado dos smartphones, no que levaba 6 anos rexistrando perdas trimestre tras trimestre.
Agora as informacións son bastante negativas, e aseguran que as negociacións con Vingroup para venderlle o negocio móbil de LG non chegaron a bo porto, polo que estarían a suspender toda a súa liña de lanzamentos, de xeito que o sucesor do LG Velvet non vería a luz este ano e o LG Rollable non chegaría a saír dos laboratorios da compañía.
Ao parecer, a reducidísima cota de mercado de LG no sector dos smartphones (que non chega ao 1%) faría que non houbese interese en facerse con este negocio, ao que non axuda que ningún dos teléfonos insignia dos últimos anos conseguisen captar a atención do público, limitándose basicamente a saír nos medios especializados como propostos orixinais que mudaban de rumbo cada ano.
Aseguran que o anuncio do cesamento de actividade da división de móbiles de LG podería facerse pública no mes de abril.

PUBLICIDADE