LG podería abandonar o mercado dos smartphones

mércores, 20 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Non é ningún segredo que LG leva anos non só perdendo cartos na súa división de smartphones, senón sendo totalmente irrelevantes en volume de vendas, polo que semellaba que mantiñan esa liña de produtos por unha simple cuestión de imaxe, pero un memorando asinado polo director xeral da compañía, Kwon Bong-seok, recoñece que van realizar grandes cambios na división de smartphones, aínda que asegurando que os cambios de rumbo non terán efectos a nivel de emprego, a que procurarán conservar todos os postos de traballo.
Kwon asegura que están a pensar en vender, pechar ou simplemente reducir o negocio de smartphones de LG que tantas perdas acumula, e polo momento xa apuntan a que o 60% do persoal estaría a reasignarse a outras divisións da compañía.
Manter un negocio que leva 6 anos rexistrando perdas trimestre tras trimestre non parece razoable, pero tamén sorprende que falen de cesar a actividade despois de anunciar que van lanzar o LG Rollable durante 2021, aínda que neste tipo de produto hai un detalle que podemos ter moi en conta: LG podería desenvolver este produto revolucionario, pero logo facer negocio basicamente comercializando as pantallas enrolables para móbiles de moitos outros fabricantes.
Lembremos que a venda de compoñentes por parte dos grandes fabricantes de electrónica de consumo resulta rendible en moitas ocasións e, de feito, tense comentado en numerosas ocasións que Samsung gañaba máis cartos por cada iPhone vendido por Apple que por cada smartphone Galaxy S colocado no mercado.
Probablemente o máis destacable do feito de que LG poida abandonar o mercado dos smartphones é que o público nin se decataría, porque hai anos que o fabricante surcoreano non ten móbiles coñecidos para o grande público, ou sexa, que un fabricante que chegou a ter unha representatividade comparable a de HTC seguiría a súa mesma sorte, non sendo capaz de adaptarse a un mercado tan cambiante e con marxes de beneficio cada vez máis reducidas.

PUBLICIDADE