Itelsis e Academia Postal apoiarán o galego nas redes

luns, 22 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Co galego nas comunicacións dixitais acontece máis ou menos que co galego nas canles tradicionais: por cada paso adiante que se dá, dáse outro cara a atrás. Se cadra, a loita da nosa lingua por afianzarse na Internet é aínda máis complicada, tendo en conta que estamos a falar dos formatos novos polos que apostan unha boa cantidade dos axentes globalizadores do mundo, no aspecto máis uniformador do termo. Isto, basicamente e para o caso que nos ocupa, tradúcese no seguinte: se por algúns fora, a Rede estaría escrita nunha única lingua dende hai tempo. Sobre esta cuestión, a presenza do galego nas comunicacións en liña, hai novidades este luns 22.
Por unha banda, temos a postura de Dolce Vita (centros comerciais portugueses) perante a súa inminente aterraxe na Coruña: informa da apertura dun centro na cidade pero non ofrece aínda comunicación en galego. O caso foi salientado pola CiberIrmandade da Fala, quen anima aos internautas a facerlle chegar á empresa lusa un prego no que se lle solicita a inclusión da nosa lingua.
Con todo, este luns tamén houbo boas novas para o idioma nas redes. Veñen da man de Itelsis (empresa de telecomunicacións) e o Grupo Academia Postal (escola de negocios e para opositores en xeral), dúas compañías da nosa terra que están a comprometerse co emprego da fala en todas as súas comunicacións, externas e internas.
Así o fai saber o Foro Enrique Peinador, que logo de dar a coñecer hai meses a galeguización dos Estaleiros Barreiras, informa de que en breve serán presentadas oficialmente estes dúas novas actividades de aposta empresarial pola nosa identidade. Segundo se conta en GZnación, os ditos actos terán como escenarios os polígonos do Tambre en Santiago e o de San Cibrao das Viñas en Ourense. Ademais, prosegue, a estas accións vanlle seguir outras para incorporar a lingua galega nos sector conserveiro e nas escolas de negocios de Caixanova, Caixa Galicia e Grupo Academia Postal.

PUBLICIDADE