Estaleiros Barreiras oficializa o seu compromiso co galego (vía web e presencial)

mércores, 9 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

O compromiso que xa anunciamos a semana pasada dos Estaleiros Barreiras a prol da promoción do galego na súa comunicación (tradicional e virtual) vén de coller un novo pulo coa sinatura dun pacto coa Secretaría de Política Lingüística. Segundo fai saber este departamento da Xunta, o acordo (asinado esta mesma mañá na sede da compañía en Vigo) entre ámbalas dúas partes significará entre outras cousas a potenciación do emprego da nosa lingua “na actividade no funcionamento desta empresa”, unha das de máis peso e influenza (cara a nosa xeografía e alén dela) dentro do tecido económico galego.
O convenio, nado -segundo indica Política Lingüística- ao abeiro do interese deste departamento por acadar máis presenza do galego no sector empresarial, establécense máis polo miúdo os seguintes obxectivos: incorporar e incrementar a presenza do noso idioma na páxina web dos Estaleiros, nas conversas telefónicas e gravacións de mensaxes do contestador, na sinalización interior das instalacións e na emisión de documentos, como nóminas e contratos.
Ao mesmo tempo”, sinala o departamento que dirixe Marisol López, “a empresa impulsará o emprego da lingua galega nas comunicacións internas entre traballadores e traballadoras e entre o persoal directivo”.
Por outra banda, o convenio tamén abrangue a inclusión da nosa lingua na súa comunicación coas institucións públicas coas que decote se comunica ou leva a cabo algún tipo de trámite. Por exemplo: o Concello de Vigo, a Autoridade Portuaria, Zona Franca, Xunta de Galicia e Administración de Xustiza.
Polo que respecta a achega de Política Lingüística, dicir que a Dirección Xeral comprométese a fornecer aos estaleiros de apoio e asesoramento en materia de aspectos lingüísticos e terminolóxicos, amais de subministrar as ferramentas informáticas precisas (como por exemplo tradutores ou correctores) para que o proceso normalizador se desenvolva até o final.

PUBLICIDADE