HP anuncia a compra de Palm por 1.200 millóns de dólares

mércores, 28 de abril do 2010 Marcus Fernández

Nas últimas semanas comentábase que os malos resultados económicos de Palm, compañía incapaz de manter unha forte posición no mercado tras o limitado éxito dos seus terminais Palm Pre e Pixi, o que levaríalle a buscar comprador, o que finalmente remataría bastante mellor do agardado, pois a compañía que decidiu optar pola adquisición de Palm resultou ser HP, por uns 1.200 millóns de dólares, o que permitirá combinar a forza de HP co potencial da plataforma móbil webOS.
Entendemos así que HP, en vez de estar a mercar a compañía popular hai uns anos polos seus PDA, estaría facéndose cun sistema operativo móbil realmente atractivo, que podería ser chave para unha estratexia a longo prazo, tanto na telefonía móbil, coma en tablets e ultraportátiles.
Aínda faltan distintos pasos para que a compra de Palm poida consolidarse, agardándose o peche da operación durante o terceiro trimestre fiscal que remata o 31 de xullo.

A operación podería levar á aparición dunha versión do HP Slate que funcione con webOS

Dende HP afirman que Jon Rubinstein, actual xerente de Palm, continuará na compañía, dando a entender que Palm continuará a funcionar con normalidade, dando soporte aos seus produtos actuais e centrando o seu traballo nos desenvolvementos móbiles, o que sen dúbida agradecerán dende HP, compañía que non conseguiu facerse un espazo no sector da telefonía móbil (os terminais iPAQ non lograron imporse aos BlackBerry e iPhone).
Aínda que HP e Palm non desvelaron o seu calendario de lanzamentos conxunto, certas afirmacións durante o anuncio da operación de compra de Palm deron a entender que nos vindeiros meses poderiamos ver un HP Slate que, en vez de funcionar con Windows 7 (ou Android) corra con webOS, o que sería unha interesante novidade nun sector que parecía estar a polarizarse entre só 2 axentes (Google e Apple).

PUBLICIDADE