Palm está a buscar compradores

luns, 12 de abril do 2010 Marcus Fernández

A proliferación dos smartphones coma concorrencia entre PDA e móbil, compañías coma Palm Inc. atoparon que o seu negocio sufría unha caída brusca ante a que tiñan que reaccionar, de xeito que finalmente deixaron o seu sistema operativo Palm OS para crear o webOS, presente actualmente nos terminais Palm Pre e Pixi, que son terminais moi completos, que incluso poden colocarse á altura do iPhone no que a prestacións se refire, pero que non conseguiron un pulo suficiente como para manter á compañía ao nivel de tempos pasados. De feito, o panorama vese cada vez máis escuro pois, aparte do iPhone, os terminais baseados en Android tamén están a competir cos móbiles de Palm, de aí que Bloomberg publique que a compañía está a buscar un posible comprador, dedicándose a tal empresa Goldman Sachs e Frank Quattrone (Qatalyst Partners).
A situación de Palm no sector dos teléfonos intelixentes é bastante precaria, pois só conseguiu facerse co 4,3% deste mercado, pese a gozar de bastante promoción, mentres que RIM ocupa o 44% e Apple o 24%. De todos os xeitos, parece bastante probable que Palm acade comprador, pois hai rumores de que compañías coma HTC, Lenovo, Dell, ZTE ou Huawei poderían ter certo interese en facerse con tal marca.

PUBLICIDADE