Guadec 2012 reunirá na Coruña a máis de cen especialistas en GNOME

xoves, 1 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Finalmente e segundo nos contan dende Mancomún, a nova edición da GUADEC vaise celebrar tamén na nosa terra, logo de convocatorias previas como a de 2010. Máis polo miúdo, será na Coruña, cidade con longa experiencia en accións ligadas á celebración do software libre e á busca de novos métodos de colaboración arredor destes programas. Amais disto, cómpre lembrar que na Coruña desenvolvéronse nos últimos anos diversas accións colectivas sobre GNOME, o escritorio libre, miolo temático da xuntanza GUADEC, precisamente. A nova edición galega deste evento celebrarase entre o 26 e o 29 de xullo na Facultade de Informática e virá da man de GPUL e coa colaboración da asociación Ghandalf.
Segundo se informa na web da xuntanza, esta estenderase unhas cantas xornadas máis no tempo, até o día primeiro de agosto, en boa medida para dar marxe a celebracións e reunións persoais nun clima máis distendido.
O seu obxectivo é congregar no devandito escenario de actividades a centos de persoas co obxectivo de optimizar ao máximo o desenvolvemento futuro do proxecto GNOME. Esta procura do meirande número de apoios e colaboracións xa se reflicte na web da dita actividade, que abriu este día 28 o chamamento call for papers. Neste senso, informa a organización, “son benvidas as achegas de desenvolvedores, artistas, tradutores, usuarios, membros do goberno, da educación, do eido empresarial ou calquera outro que teña interese no proxecto”.
Lembremos que GUADEC é a conferencia anual da comunidade de GNOME, celebrada en Europa dende 2000. GNOME é o proxecto aberto que produce as interfaces de usuario de moitos dos dispositivos con GNU/Linux, dende ordenadores portátiles ata teléfonos intelixentes, ou equipos multimedia persoais. “Trátase pois do acontecemento mundial que reúne ao maior número de persoas involucradas no desenvolvemento de interfaces libres de escritorio ou de usuario móbil”, reflíctese dende Mancomún.

PUBLICIDADE