Máis dun centenar de especialistas en GNOME participan na edición galega da Guadec Hispana

xoves, 22 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Unha ollada ás actividades de hoxe, achegada por Alberto García

A nova edición da Guadec Hispana, a sétima, vén de abrir hoxe mesmo as súas portas na Coruña. A xuntanza, que como xa dixemos onte nesta páxina dará acubillo a debates e relatorios arredor da programación aberta (máis polo miúdo arredor de GNOME), conta dende primeira hora da mañá coa presenza de importantes representantes do eido do software libre, como or exemplo Germán Poo, director da Fundación GNOME, José Ángel Díaz, responsable da Fundación CENATIC, Alberto Couto, técnico da Secretaría Xeral de Modernización, ou Alberto Valderruten, decano da Facultade de Informática da Coruña (sede do congreso).
Esta nova edición de Guadec Hispana, espazo de encontros para as comunidades de usuarios e deseñadores de software libre de España e América Latina, xira coma vén sendo habitual arredor dun eixe temático concreto: GNOME, un proxecto colectivo de programación aberta que impulsa e crea o emprazamento preciso para un interfaz de escritorio doado, útil, accesible e de balde para millóns de usuarios de todo o mundo.
Arestora, estase a dar acubillo na Facultade de Informática a máis de 100 asistentes, participando en 20 relatorios e obradoiros sobre cuestións que van do xenérico ao específico (dispositivos móbiles multitáctiles, adquisición de fotografías a partir de cámaras ou xeolocalización).
O encontro, que se celebra até mañá día 23, está organizado por GPUL e GNOME Hispano, en colaboración coa Universidade da Coruña, a dita Facultade, Igalia, CENATIC, OpenShinecon, Ghandalf e a Secretaría de Modernización da Xunta de Galicia a través de Mancomún e a Fundación para o Fomento da Calidade.

PUBLICIDADE