Grandes ingresos publicitarios de YouTube e Instagram en 2019

mércores, 5 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

A publicación de resultados económicos de Alphabet para o cuarto trimestre fiscal sorprendeu por ser a primeira vez que se desvelan os ingresos publicitarios de YouTube, que durante 2019 foron de 15.149 millóns de dólares, dos que 4.717 millóns corresponderían só ao último trimestre, constatando o xigantesco volume que xera esta plataforma que Google adquiriu en 2006 por 1.650 millóns de dólares.
Falamos de que actualmente a YouTube corresponderían o 10% de todos os ingresos anuais de Alphabet, e iso sen contar cos ingresos por subscricións Premium a YouTube e YouTube Music (cantidades que se contabilizarían aparte), polo que os resultados de YouTube parecen ser moi bos, dando a entender que a compañía non depende unicamente do seu buscador web, senón que ten outras divisións, como YouTube ou Google Cloud, que xeran importantes ingresos, de xeito que a empresa ten boas perspectivas de futuro.
Pero tras a publicación dos bos resultados de YouTube unha nova ensombreceu tal éxito: nas páxinas de Bloomberg recollen que Instagram tería facturado en publicidade uns 20.000 millóns de dólares en 2019, ou sexa, que superaría considerablemente os resultados de YouTube pese a ser unha plataforma máis nova e limitada, en boa medida grazas a un mellor enfoque comercial, así como o feito de que Facebook non comparte os seus beneficios cos creadores de contidos, mentres que dende YouTube prefiren optar por un programa de socios a través do que compensar economicamente os propietarios dos vídeos subidos á súa plataforma.

PUBLICIDADE