Google merca YouTube por 1.650 millóns de dólares en accións

martes, 10 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Onte xa falabamos dos rumores que apuntaban a que Google podería estar interesado na compra de YouTube, pero agora a compañía que posúe o buscador máis popular do mundo anunciou que chegou un acordo para a adquisición de YouTube por 1.650 millóns de dólares en accións, conservando YouTube a súa marca e comunidade de usuarios que, por outra banda, son a chave do seu éxito.
Con esta operación financeira a comunidade de vídeos de máis crecemento e sona global pasa a traballar con Google, de xeito que se converterá nunha plataforma multimedia de grande interese para os obxectivos de Google (pois comparten moitos dos seus valores).
YouTube creou un novo xeito de consumir contidos audiovisuais creando unha nova cultura que pode servir coma base para a construción dunha plataforma global de difusión de vídeos para o mañá.

Nena vendo os seus vídeos favoritos en YouTubeLuces e sombras
O que parece seguro é que agora YouTube ten moitos máis recursos para a súa supervivencia, xa que se trata dun servizo cun mantemento moi caro e cun modelo de negocio sen definir, que ó ampararse baixo unha grande empresa ten máis posibilidades económicas e empresariais.
Na actualidade estímase que YouTube ten preto do 50% do sector dos vídeos a través da Rede, mentres que Google Video tería o 10%, de xeito que agora Google xa dominaría este mercado dun xeito claro.
Tamén existe unha sombra sobre o futuro de YouTube que estaría baseada na proliferación de contidos con dereitos de autor, que poderían supor duras loitas xudiciais no futuro, pero é un tema que YouTube xa está atallando pechando acordos cas principais produtoras audiovisuais, coas que comparte os ingresos achegados da publicidade, de xeito que se poderían salvar dun destino coma o de Napster, converténdose nunha plataforma que conte con respaldo das industrias do lecer, que tamén están a sacar proveito do sistema para a súa promoción.

Sequoia Capital: ¿o grande beneficiado?
O que se descoñece polo momento é cómo será o reparto interno das accións de Google trala adquisición de YouTube, porque actualmente YouTube é unha empresa con 3 fundadores (Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim) que contaron cunha empresa de capital risco (Sequoia Capital) que achegaría uns 11,5 millóns de dólares para facerse cunha participación na empresa de entre o 25 e o 30%, de xeito que podería acadar uns 480 millóns de dólares en accións de Google segundo algúns analistas, o que serían uns resultados abraiantes, pois suporía que en ano e medio acadaron a multiplicación por máis de 41 dos cartos investidos. Estariamos así ante uns resultados que superar ós das meirandes puntocom incluso durante a época da burbulla tecnolóxica.

Mensaxe dos fundadores
Chad Hurley e Steve Chen, dous dos fundadores de YouTube, xa penduraron no seu servizo web unha mensaxe agradecendo ós seus usuarios o apoio que os levou ó éxito e ofrecendo a súa visión sobre a nova do día:

PUBLICIDADE