Google tamén ten unha aplicación que rexistra o uso que fan do móbil os seus usuarios

xoves, 31 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Durante a xornada de hoxe deu moito que falar o escándalo de Facebook relativo aos seu programa de espionaxe de hábitos de mozos a través do uso dunha VPN instalada no seu smartphone, pero pouco tardouse en dar conta de que Google realizaba unha práctica semellante cunha aplicación chamada Screenwise Meter, en servizo dende 2012 e que inicialmente permitía o seu uso incluso a rapaces de 13 anos, aínda que na actualidade esixe que os seus usuarios teñan 18 anos (a participación de menores só estaría permitida dentro dun panel familiar).
A aplicación de Screenwise Meter está dispoñible para Android, e lanzouse dun xeito totalmente público cun programa de recompensas asociado que incluso ten un vídeo promocional, pero a aplicación para iOS facía a mesma trampa que a de Facebook (operar baixo un programa de probas internas para empresas para eludir a supervisión por parte de Apple) polo que dende Google piden perdón e anuncian a retirada da aplicación. Insisten en que a participación sempre foi voluntaria e deixaron claro en todo momento o seu funcionamento, polo que estarían libres da polémica de Facebook no que ao público se refire (aínda que de cara a Apple fose outro abuso de confianza).

PUBLICIDADE