Denuncian que Facebook paga a usuarios por instalar unha aplicación espía no seu móbil

mércores, 30 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

A aplicación violaría as normas da App Store para poder espiar aos usuarios de iPhone

Facebook non é capaz de distanciarse dos escándalos polo xeito de tratar os datos persoais dos seus usuarios, e agora desvélase que estivo a pagar en secreto a persoas para instalar unha rede privada virtual (VPN) chamada Facebook Research que permitía monitorizar a actividade do smartphone na que se instalaba. Concretamente a aplicación estaría a ser instalada por mozos que recibían incentivos económicos en contraprestación, aínda que dende TechCrunch aseguran que esta ferramenta podería estar a vulnerar as normas da App Store, de aí que non sorprenda que agora aseguren que van pechar a aplicación para iOS, aínda que a versión para Android podería seguir activa.

Facebook camufla a súa participación no proxecto con marcas como uTest

Facebook estaría a empregar esta ferramenta dende 2016, pagando a usuarios de entre 13 e 35 anos até 20 dólares ao mes aos que sumaríanse tamén recompensas por atraer a outros usuarios a instalar a súa aplicación espía para iOS ou Android. Os pagamentos realizaríanse a través de tarxetas-agasallo electrónicas.
Pero o máis curioso desta iniciativa de recompilación de datos é que non se facía de xeito público, senón que camuflábase detrás de marcas como Applause, BetaBound ou uTest, o que nalgunha documentación coñécese como Project Atlas, o que encaixaría na intención de mapear as novas tendencias ao redor do globo.

PUBLICIDADE