Google deféndese das acusacións de AEDE de que se aproveitan dos seus contidos en Google Noticias

venres, 28 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

A reforma da Lei de Propiedade Intelectual en España continúa a dar moito que falar, e non só os usuarios de Menéame amosan o seu rexeitamento ao coñecido como canon de AEDE, senón que tamén os editores adheridos a AEEPP (asociación formada por un cento de empresas que suman unhas 700 cabeceiras) maniféstanse contra o que chaman Lei Lassalle e, para completar esta fronte opositora, a propia Google saíu á palestra para defenderse das acusacións de AEDE de aproveitarse dos seus contidos.
Dende Google queren deixar claro que Google Noticias é un proxecto que busca facilitar a localización de artigos xornalísticos e información sobre eventos de actualidade, que botou a andar en 2002, conta con máis de 70 edicións internacionais e, especialmente, carece de publicidade, polo que as acusacións dende AEDE carecen de todo sentido, pois Google non se lucra deste servizo senón todo o contrario: achega tráfico aos medios de comunicación, o que tradúcese nun maior impacto da súa publicidade.
Estiman que Google envía mensualmente máis de 10.000 millóns de visitas aos editores de novas de todo o mundo, polo que considera que o seu traballo é unha oportunidade para que os medios poidan medrar en audiencia e ingresos (incluso a través do sistema publicitario AdSense, que durante 2013 repartiu máis de 9.000 millóns de dólares entre os editores); pero se os editores queren manterse á marxe destas plataformas dende Google insisten en que son estas compañías as que controlas a súa presenza en Google Noticias, podendo desaparecer se queren de Google Noticias sen afectar aos resultados do buscador de Google, aínda que precisamente o comportamento dos medios é xusto o contrario: Google News recibe moitas máis peticións de inclusión que de exclusión. Teríamos así que as reclamacións de AEDE para pedir que Google os compense por empregar os seus contidos non parecen moi xustificadas.

PUBLICIDADE