Firefox Focus convértese nun navegador web privado para iOS

xoves, 17 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Para atender a demanda de usuario que queren manter a súa privacidade mentres navegan na web dende o smartphone estréase unha nova aplicación para iOS, Firefox Focus, un navegador web que podemos descargar de balde da Appe Store, e que bloquea de xeito automático un amplo abano de rastrexadores da nosa actividade en liña; facilita o borrado do historial, os contrasinais e as cookies; bloquean a publicidade indesexada; e grazas a ese comportamento xeral tamén permite que a descarga de páxinas web sexa máis rápida e consuma menos datos en mobilidade.
Aínda que a meirande parte dos navegadores web xa contan con modos incógnito, dende Mozilla consideraron que son modos difíciles de comprender por parte do usuario, polo que decidiron crear este navegador, que pode resultar de grande utilidade tanto cando queremos realizar unha busca sobre temas sensibles como cando simplemente precisas dun navegador sinxelo e áxil.
Cómpre lembrar que até o momento Focus era un bloqueador de contidos para iOS, ou sexa, que a navegación web realizábase dende Safari, pero coa súa versión 2.0 convértese nunha aplicación completa (aínda que continúa a funcionar tamén como bloqueador de contido para Safari), só que agora resulta máis visible e intuitivo o seu uso.

PUBLICIDADE