Mozilla estrea bloqueador de contido para iOS 9

mércores, 9 de decembro do 2015 Marcus Fernández

A incorporación a iOS 9 da posibilidade de crear filtros de contidos para o seu navegador web foi bastante polémica, principalmente polas malas prácticas de certos filtros no que se refire ao bloqueo de publicidade (convertido nun método de extorsión por parte dalgunhas empresas), de aí que Mozilla quixese realizar a súa achega a este ámbito aplicando os seus principios, o que permitiu que xa poidamos gozar de Focus by Firefox, un bloqueador de contido que permite ao usuario controlar a súa privacidade bloqueando os rastrexadores empregados por anuncios, sistemas estatísticos e redes sociais, permitindo tamén incrementar a desempeño e reducir o uso de datos móbiles bloqueando tipografías web.
Este bloqueado de contidos xa está dispoñible na App Store, e unha vez instalado achega unha guía para completar a súa configuración. Permite un funcionamento semellante ao modo de navegación privada ao que estamos afeitos en navegadores de escritorio e, curiosamente, polo momento Focus by Firefox funciona só no navegador Safari de iOS (e non en Firefox), aínda que están a traballar en introducir estas prestacións na versión para iOS de Friefox.
A grande diferenza de Focus fronte a outras ferramentas semellantes é que dende Mozilla consideran que o bloqueo de contido debe cumprir cos principios de neutralidade de contido (axustándose as necesidades do usuario, como velocidade, seguridade ou intimidade, e non a tipos de contidos coma os anuncios), transparencia e control (deixando que o usuario poidan controlar o que bloquea) e apertura (os contidos bloquéanse en función da súas prácticas, non da súa orixe).

PUBLICIDADE