Fíltrase a data do vindeiro Prime Day

venres, 22 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Nos últimos anos hai unha data que conseguiu unha grande relevancia, comparable incluso ao Black Friday, que é o Prime Day de Amazon, xornada na que a plataforma de comercio electrónico de Jeff Bezos lanza grandes ofertas, e que este ano ten especial interese en España ante a posibilidade de que se aproveite para o lanzamento dos altofalantes Amazon Echo en español.
Dende Techradar deron conta da filtración da data na que terá lugar finalmente o Prime Day, o que facilitará que os consumidores poidan facer plans de cara á planificación das súas compras de cara ao verán e ás rebaixas en xeral. A publicación norteamericana detalla que o Prime Day será o 17 de xullo, comezando as ofertas 12 horas antes, ou sexa, que realmente teremos 36 horas de ofertas, sendo a fonte desta filtración bastante de fiar, xa que chegou da propia Amazon, que na súa tenda en Reino Unido amosou temporalmente un banner promocionando a data.
Que o Prime Day vaia ser os días 16-17 de xullo pillou un tanto por sorpresa, xa que esperábase que fose os días 10-11 do mesmo mes, pero dá a impresión de que adiaron a súa celebración para non coincidir cos últimos días do Mundial de Fútbol.

Os produtos de Amazon como estrela

É bastante probable que, dun xeito semellante a como aconteceu en Francia, os primeiros produtos de Amazon con Alexa que cheguen ao noso mercado sexan os altofalantes Echo Dot e Echo, así como o dispositivo con pantalla Echo Spot, a prezos de 59,99, 99,99 e 129,99 euros respectivamente, pero que en promoción poderían venderse a metade de prezo, o que permitiría que estes trebellos puidesen imporse ante as alternativas de Google, que actualmente ten no mercado español os altofalantes Google Home Mini e Google Home a 59 e 149 euros., de xeito que a diferenza de prezo sería abismal (especialmente no caso dos altofalantes de grande tamaño).
Tamén confíase en que os lectores de libros electrónicos da liña Kindle e os reprodutores multimedia e tabletas Fire teñan atractivas ofertas no Prime Day, de xeito que unha vez máis os produtos estrela desta campaña de rebaixas corresponderían aos propios de Amazon.

PUBLICIDADE