Os produtos Amazon Echo estréanse en Francia

mércores, 6 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Levamos varias semanas co ruxerruxe da chegada dos asistentes virtuais a través de altofalantes conectados a España, e no caso de Amazon confírmase o itinerario seguido, que comezaría por Francia, onde veñen de ver a luz os dispositivos Amazon Echo, Echo Dot e Echo Spot, que de xeito promocional véndense a 29,99, 49,99 e 64,99 euros, prezos sumamente atractivos, que de seguro animarán a moitos franceses a dar unha oportunidade a esta tecnoloxía.
Os altofalantes conectados de Amazon comezarán a entregarse aos franceses o 13 de xuño, mentres que o dispositivo con pantalla, o Echo Spot, farase agardar até o 23 de xullo.
Cómpre lembrar que estes produtos non están destinados a unha reprodución musical de grande calidade, de aí que incluso permitan emparellarse con outros altofalantes Bluetooth, para así poder achegarlles contidos sonoros a través da nube.
Sobre o lanzamento destes produtos en España, aínda non se coñece a súa data de chegada, existindo dúas grandes posibilidades: que cheguen a primeiros de xullo coincidindo con Prime Day ou que non vexan a luz até finais de ano. O que si está confirmado é que o produto xa está en probas no noso territorio e, de feito, xa hai galegos que están a recibir comunicacións por parte de Amazon para facerse usuarios en probas de Amazon Echo.

ACTUALIZACIÓN: Finalmente Amazon.es confirma na súa páxina web a chegada de Alexa e os dispositivos Echo a España este mesmo ano, convidando aos interesados a subscribirse a un boletín para recibir información ao respecto por correo electrónico.

PUBLICIDADE