Facebook permitirá transmitir vídeo en directo a todos os seus usuarios

xoves, 3 de decembro do 2015 Marcus Fernández

O pasado verán Facebook comezou a permitir que as celebridades emitisen vídeo en directo a través da súa plataforma en liña, no que parecía unha clara reacción a Meerkat e Periscope, e parece que esta iniciativa funcionou ben, porque hoxe anuncian o seu espallamento ao resto de usuarios, de xeito que agora inician as probas nos EE.UU. e para un grupo reducido de usuarios con iPhone o Live Video, ou sexa, un sistema de streaming de vídeo en directo que empregaría o móbil a xeito de cámara para poder compartir o que vemos con todo o mundo.
Esta nova funcionalidade estará moi visible, xa que a icona de emitir vídeo en directo estará na propia barra de botóns das actualizacións de estado, de xeito que iniciar unha retransmisión sería tan doado como publicar unha imaxe.
Durante as retransmisións os usuarios poden saber cal é o número actual de espectadores, os nomes dos seus amigos, quen se conecta e un fluxo de comentarios en tempo real, ou sexa, case o mesmo que hoxe permite Periscope, coa diferenza de que o servizo promovido por Twitter só mantén as gravacións dos directos en liña durante 24 horas, mentres que Facebook dá a opción de borralos ou mantelos como vídeo en Facebook por tempo indefinido.
Será doado descubrir cando un dos nosos amigos ou unha figura pública fai unha retransmisión en directo, e, cando vexamos unha retransmisión en directo tamén poderemos premer no botón de subscrición para que, a vindeira vez que o usuario realice unha emisión, recibamos unha notificación para informarnos.
Paralelamente tamén presenta un novo xeito para compartir experiencias capturadas coa cámara do móbil en Facebook, chamado Collage, e que consiste nunha colección coas fotografías e vídeos que teñamos dun evento (o que poderiamos considerar como a evolución dos álbums), que podemos compartir cos nosos amigos. Esta nova prestación inicia hoxe o seu espallamento entre os iPhone e os usuarios de Android deberán agardar a 2016 para gozar de tal funcionalidade.

PUBLICIDADE