Facebook permitirá ás celebridades emitir vídeo en directo

mércores, 5 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Facebook non podía permanecer alleo á guerra entre Meerkat e Periscope por gañar relevancia nas retransmisións en directo, e en vez de optar por lanzar un servizo de vídeo en vivo a través do móbil anuncian que a partires de hoxe as figuras públicas poderán compartir vídeo en directo a través de Facebook Mentions (aplicación móbil que busca que os deportistas, músicos, políticos e famosos en xeral poidan interactuar cos seus seareiros e entre eles).
Os usuarios poden comentar, compartir ou amosar que lles gusta unha retransmisión de vídeo mentres a están a ver, e incluso poderán saber cando os seus amigos e outras figuras públicas inician o seu visionado, creando así unha plataforma que establece unha conexión directa entre celebridades e o seu público e, na liña de como tamén fai Periscope, as retransmisións en directo tamén poderán verse en diferido a través da páxina de Facebook do famoso.
Nos vindeiros días poderemos ver retransmisións en directo de Dwayne The Rock Johnson, Serena Williams,Luke Bryan, Ricardo Kaká, Ashley Tisdale, Lester Holt, Martha Stewart, Michael Bublé e moitos outros, de xeito que podemos considerar que a achega de Facebook a este novo tipo de contidos é tímida, pero ao recorrer a celebridades podería acadar un impacto moi importante, sentando así as bases para un servizo que podería pórllo moi complicado a Periscope (servizo pertencente a Twitter).

Take a walk with me!

Posted by Ricardo Kakà on Mércores, 5 de Agosto de 2015

PUBLICIDADE