En Ferrol, o Concello pon a disposición da cidadanía seis módulos sobre uso seguro das TIC

martes, 26 de outubro do 2021 S. P.

O Concello de Ferrol anunciou a vindeira posta en marcha dunha completa axenda formativa para capacitar á cidadanía no uso das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e co engadido extra de garantir un uso seguro e protexido. Segundo fixo saber a concelleira Participación Cidadá, Ana Lamas, esta axenda activarase en novembro a través da Aula Aberta de Formación Cidadá, unha ferramenta gratuíta de formación que arrinca, precisamente, con seis módulos sobre o uso seguro dos novos recursos dixitais.
Explicou que se abordarán asuntos como a constitución dunha asociación, os sistemas de vídeo-conferencia, o uso do smartphone e a alfabetización dixital, a ciberseguridade e o uso seguro de redes sociais tanto para familias como para menores maiores de 10 anos.
Lamas anunciou que se trata dunha “interesante iniciativa, a primeira destas características en Ferrol, que busca poñer a disposición dos veciños da nosa cidade unha plataforma a través da cal formarse en asuntos de actualidade, como son as novas tecnoloxías e os seus riscos”. O programa desenvolverase dun xeito mixto, cunha parte presencial (cunha charla inicial e outra final) e outra telemática. A edil indicou que as charlas celebraranse en distintos centros municipais de Ferrol.
As materias que se abordarán son Constitución dunha asociación, xestións e trámites online coa Administración; Sistemas de vídeo-conferencia; Uso de smartphone e alfabetización dixital; Ciberseguridade para persoas usuarias; Uso de redes sociais dirixido a familias e, por último, Uso de redes sociais dirixido a menores (maiores de 10 anos). As catro primeiras terán dous edicións e as dous últimas, tres por módulo.
A concelleira apuntou que no contexto actual “é cada vez máis necesario ofrecer á cidadanía ferramentas e recursos que lles permitan afrontar os novos retos tecnolóxicos con seguridade” e engadiu que desde as institucións “debemos prover este servizo para que a poboación perda o medo a relacionarse dun xeito dixital”.
Haberá 15 prazas para cada edición —dous para cada módulo a excepción dos de uso de redes, para os que se ofertarán tres— e o prazo de inscrición abrirase uns días antes do inicio de cada ciclo. Os contidos estarán na plataforma de teleformación de Tagen Ata durante o tempo que dure a formación.

PUBLICIDADE