Elon Musk quere eliminar a función de bloquear en X

venres, 18 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Elon Musk continúa a facer das súas en X, reaccionando impulsivamente e sen reflexionar sobre as súas decisións e o seu impacto, sendo a súa última tolería asegurar que vai eliminar a posibilidade de bloquear outras contas de usuario na plataforma (agás para as mensaxes directas). Deste xeito eliminaríase unha das principais ferramentas para evitar o acoso e outras malas prácticas dentro de X.
Musk defende que chega con silenciar as contas molestas, esquecendo que así os usuarios que manteñan condutas abusivas poderán seguir a ver e interactuar co contido das persoas ás que queiran acosar, de xeito que só a vítima directa non verá eses contidos, pero si estarían visibles para todo o seu contorno, de xeito que o acoso non remataría.
A postura de Musk non só sería contraproducente, senón que incluso vai en contra das normas das tendas de aplicacións para iOS e Android, que entre as condicións para as aplicacións que permiten contido xerado polo usuario figura a posibilidade de bloquear a outros usuarios.
Temos así que o máis seguro é que a promesa de Musk quede en nada, pois suporía a desaparición dos iPhone, o que sería un golpe do que a plataforma claramente non podería recuperarse.

Desconfianza dos anunciantes

Esta semana X tamén viviu unha seria crise de reputación despois de que varias fontes denunciasen que nas publicacións de contas dende as que se negaba o holocausto e se defendían ideas nazis aparecía publicidade, pese a que a semana pasada Linda Yaccarino asegurase nunha entrevista televisiva que tiñan medidas de seguridade para evitar iso e que así a publicidade de X fose segura.
Ante esta crise varios anunciantes suspenderon a publicidade en X, e a resposta da plataforma foi suspender unha das contas de usuario denunciadas (tras quedar en evidencia que non o fixeran tras numerosas denuncias) e realizar unha xuntanza entre Linda Yaccarino cun representante dunha asociación xudía proisraelí estadounidense, basicamente para sacar unha fotografía e así asegurar que en X non había espazo para o antisemitismo, cando hai informes que apuntan xusto ao contrario. Yaccarino só din que continuarán a loitar contra o contido daniño, pero sen anunciar ningunha medida concreta. De feito, os cambios que está a facer a plataforma van xusto na dirección contraria ao anunciado pola súa directora xeral.

PUBLICIDADE