A confianza en X cae ao denunciarse a publicación de anuncios xunto a contidos neonazis

xoves, 17 de agosto do 2023 Marcus Fernández

New American Union é un claro exemplo de conta verificada que publicaba contido indesexable (e mesmo ilegal)

A tarefa encomendada a Linda Yaccarino á fronte de Twitter/X é titánica, pois mentres Elon Musk abre a plataforma a todo tipo de contido tóxico, ela ten que convencer aos anunciantes de que pór a súa publicidade en X é seguro para a súa imaxe, e incluso ousou a asegurar nunha entrevista a semana pasada que a plataforma é máis segura agora que hai un ano, contradicindo a todos os estudos externos e a calquera que use X durante 5 minutos, pois actualmente no só se restituíron as contas de practicamente todos os usuarios que foran expulsados no pasado, senón que incluso se amplifica a súa mensaxe e se compensa o seu comportamento economicamente.
Esta situación vén de facerse evidente tras a denuncia de Media Matters, dando conta de que tanto eles como outros observadores detectaran publicidade de compañías como Adobe, Samsung, Amazon ou Gilead Sciences xunto a publicacións de contas que negan o holocausto, defenden a supremacía branca ou son claramente neonazis, sendo especialmente grave o feito de que estas contas incluso conseguiron o selo de verificación de X (polo que as súas mensaxes conseguen unha maior visibilidade).
Yaccarino aseguraba que, aínda que algunha das contas conflitivas non fosen suspendidas, en ningún caso se amosaría publicidade ao seu carón, o que resultou ser falso, de aí que incluso a CNN está a dar conta de marcas que suspenden a súa publicidade en X tras denunciarse este feito.
Dende X só tomaron cartas no asunto unha vez que este escándalo saíu á luz pública, de xeito que suspenderon algunhas das contas máis notables mencionadas polos medios que destaparon as malas prácticas de X, compañía que non parece querer comprender que é imposible manter un espazo seguro se deixan participar na conversa a persoas que manteñen discursos de odio como sinal de identidade, e menos aínda cando os permiten participar en programas de monetización nas que precisamente só se compensa polas visualizacións por parte de usuarios de pagamento que curiosamente teñen un nesgo claro (conspiracionistas e con ideoloxía de extrema dereita, que normalmente son expulsados doutras plataformas sociais por desinformar e difundir contido ilegal).

PUBLICIDADE