El Correo Gallego publica un e-book de balde sobre as tendencias no contorno tecnolóxico

mércores, 19 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

En outubro de 2012 o diario El Correo Gallego iniciou unha liña editorial de libros electrónicos con Nuevas tecnologías, cómo entenderlas, obra do xornalista Xabier Sanmartín Cuevas, á que logo se sumaron un e-book sobre redes sociais e industriais culturais de Arantxa Serantes, un par de textos nos que o xornalista Arturo Maneiro repasa os 25 anos da Televisión de Galicia e a Radio Galega, e tamén Los vientos de Nueva Zelanda de Juan José Varela Tembra, consolidando unha colección que agora volve ás súas orixes co segundo volume elaborado por Sanmartín, Nuevas tecnologías traen nuevas tendencias, que xunta 80 entrevistas realizadas polo autor con opinións de numerosos especialistas e emprendedores.
Aínda que esta obra que podemos descargar de balde en formato PDF, ePUB e Mobipocket, segue a liña da anterior entrega, recompilando textos publicados inicialmente na sección de Tendencias do diario compostelán, como novidade incorpórase un apartado con contidos inéditos no que vinte expertos responden a un mesmo cuestionario de catro pregunta que buscan revisar os progresos dos últimos anos e explorar as tendencias futuras.
En Nuevas tecnologías traen nuevas tendencias Xabier Sanmartín aborda temas bastante variados dentro do contorno TIC, como o comercio electrónico, a relación entre Twitter e a televisión, o activismo social dende a Rede, a explosión das aplicacións móbiles ou mesmo a chegada de Google Glass, permitindo tanto unha lectura repousada como unha consulta rápida ao estar estruturado en breves capítulos que poden lerse de xeito independente.

PUBLICIDADE