El Correo Gallego publica un e-book sobre redes sociais e industrias culturais

xoves, 20 de xuño do 2013 Marcus Fernández

O pasado outono o diario El Correo Gallego estreou unha colección de libros electrónicos coa publicación de Nuevas tecnologías, cómo entenderlas. Hoy el futuro... ya es presente de Xabier Sanmartín Cuevas, e hoxe confírmase que tal iniciativa pioneira na prensa galega non quedou nunha anécdota, e chega o segundo e-book publicado polo xornal compostelán: Redes sociais e industrias culturais de Arantxa Serantes.
O novo volume, que pode descargarse de balde en formato PDF, ePUB e Mobi, recompila textos con entrevistas e puntos de vista do mundo da cultura e a súa relación coas redes sociais a xeito de memoria do Foro Unirede sobre tal materia. A responsable desta publicación, Arantxa Serantes, é escritora, investigadora, blogueira e co organizadora do mencionado Foro e como colofón a este libro electrónico recolle as súas reportaxes sobre redes sociais publicadas nas páxinas de El Correo Gallego.
Outras achegas a esta obra son os artigos sobre social media do editor e xornalista Quique Alvarellos, a escritora e xornalista Elena Gallego Abad, o responsable da edición dixital do Grupo Correo Gallego Juan J. Martínez López, o experto en neuromarketing Roberto Pérez Marijuán e a presentadora de televisión e escritora María Solar e entrevistas sobre distintas faces da literatura e a edición e os medios sociais nas que participan o escritor e blogueiro Fran Castro, a escritora e community manager Ledicia Costas e o crítico literario Ramón Nicolás.

Ao novo e-book fixeron achegas moitos dos participantes da mesa de industrias culturais da pasada edición do Foro Unirede

PUBLICIDADE