Comezan unhas olimpíadas de xornalismo electrónico na República Dominicana

luns, 6 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Imaxe dunha xuntanza organizativa da Olimpíada en Funglode

Este luns comezan as I Olimpíadas para Mozos Ciberperiodistas de República Dominicana, que resultan ser uns talleres de formación teorico-práctica de xornalismo en liña contando coa colaboración da Universidade Autónoma de Barcelona (materializado coa presenza de Santiago Tejedor, a que coñecemos en Compostela durante a celebración de Enred@dos) e de distintas entidades educativas latinoamericanas.
Deste xeito, estudantes de distintas universidades dominicanas poderán formarse no xornalismo electrónico, organizándose os participantes en equipos de 3 persoas, de xeito que cada un creará o seu propio medio aproveitando as posibilidades da web 2.0 e centrándose nun tema de interese dentro do ámbito socio-cultural da República Dominicana.
Sorprende que o curso se presente baixo o nome de Olimpíada, pero preténdese así ilustrar sobre o modelo competitivo elixido para esta iniciativa que nace con vocación anual e na que se recoñecerán ós 3 primeiros clasificados con trofeos acreditativos.

PUBLICIDADE