As xornadas Enredad@s farán fincapé na Rede como espazo activo e participativo

venres, 3 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

A Rede non é a escusa que estaban a buscar os pouco faladores para deixar de comunicarse coa xente cara a cara. Certo: Internet, no seu reverso máis negro, pode levar consigo máis incomunicación ca comunicación, pero para axudarnos un pouco a empregala en doses mellores e máis eficaces é para o que xorden iniciativas como Enredad@s, unhas xornadas que reivindican unha Internet máis activa e participativa e que, a maiores, sirva de plataforma de lanzamento no eido laboral e empresarial. As Xornadas sobre Mocidade e Internet (Enredad@s), que se desenvolven do 16 ó 18 de novembro, teñen tamén o seguinte gran obxectivo: axudar ós novos galegos a atopar as mellores estratexias para situarse privilexiadamente na Rede.
Estas xornadas, que están organizadas polo Consello da Xuventude de Galicia e a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, foron presentadas este venres 3 no Club Internacional de Prensa. Foi alí onde puidemos saber que das 250 prazas dispoñibles xa hai 185 rapaces e rapazas inscritas (e tendo en conta que o prazo para matricularse remata o 9 de novembro e que son encontros gratuítos, cumpriría que os interesad@s en participar non deixasen para o día 9 o que poden facer hoxe).
O programa pinta ben. Facemos reconto dalgunhas das actividades salientadas este venres pola organización (por certo que as xornadas vanse desenvolver na sede da Xunta en San Caetano):
· Do día 16 ó 18 e polo serán vaise celebrar o curso de formación Weblogs: O meu espazo na rede. Comunicación e Marketing, impartido por EdanXestión. Este curso vai dirixido a preparar ós mozos e ás mozas a tirarlle o máximo rendemento ó fenómeno dos blogs.
· A conferencia inaugural, o día 16 ás 10.30 horas, correrá a cargo de Bernardo Hernández, director de Marketing de Google España e Portugal.
· Mesa redonda sobre xornalismo cidadá, o día 16 ás 12.00: contará coa participación do director do Diario Qué, Sergio Barriocanal e do director de Xornal.com, Antonio Sangiao, entre outros.
· Mesa redonda sobre galegos pegando forte na Rede. Asistirán María Yáñez (ex directora de Vieiros), Manuel Bragado (director de Xerais e creador do blog Bretemas.blogspot.com), Marcus Fernández (subdirector de Código Cero), Javier Pedreira Wicho (editor do weblog Microsiervos) e José Manuel Lage Tuñas, primeiro político galego que xestiona un blog.
· Software libre versus software propietario. As xornadas contarán con representantes do código aberto no eido das administracións e as institucións educativas (incluído Miguel Ángel Segovia, coordinador do Centro de Novas Iniciativas da Xunta de Estremadura). Asemade, acudirá achegando o “outro punto de vista” Carlos de la Iglesia, director de Comunicación de Microsoft España.

PUBLICIDADE