Case 650 webs apoian a iniciativa La Lista de Sinde

luns, 4 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

La Lista de Sinde, páxina onde se dan cita diferentes webmasters contrarios ás medidas postas en marcha polo Ministerio de Cultura (dirixido por Ángeles González-Sinde) para pechar aqueles sitios que alenten a descarga de arquivos protexidos (cine, cancións, libros), xa conta con 640 adhesións. Esta iniciativa, que se une –entre outras frontes comúns- ao Manifesto en liña apoiado xa no Facebook por 200.000 persoas, non é outra cousa que unha campaña xurdida ao abeiro de Hacktivistas para amosar o rexeitamento á comisión que o Goberno central vai pór en marcha coa finalidade de pechar e bloquear páxinas, con orde xudicial previa, que fagan promoción do intercambio libre de ficheiros.
Por certo que segundo se conta en Bandaancha.eu, entre as webs que se están a adherir a La Lista de Sinde hai unha gran cantidade de creadores, cousa que non deixa de contradicir o gran obxectivo da campaña do Goberno: protexer aos creadores. Leadas aparte, a plataforma consiste, como o seu propio nome indica, nunha listaxe de webs autoinculpadas de ter fomentado o fluxo de descargas e, segundo sinalan, o fluxo de cultura. Por certo que está previsto entregarlles a escolma final ao Ministerio de Cultura e máis á Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información.

PUBLICIDADE