O Goberno poderá pechar webs de descarga nun só mes, con orde xudicial previa

luns, 4 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

Co novo ano recén estreado, o Goberno central quere porlle fin ás polémicas e discusións que traen consigo as páxinas de descarga de arquivos suxeitos a dereitos de autor que hai espalladas pola Rede, e vén de anunciar que xa ten perfilado o procedemento para bloquear as mesmas.
Deste xeito, a partir de agora, as webs que aloxen ou faciliten sen permiso a descarga de arquivos suxeitos a dereitos de autor como películas, cancións ou videoxogos, poderán ser bloqueadas ou retiradas da Rede por un procedemento rápido que non levará máis de un mes, a proposta da Comisión da Propiedade Intelectual, mais iso sí, con autorización xudicial previa.
O modelo é similar ao que se aplica na actualidade para retirar un anuncio enganoso dos medios de comunicación ou para paralizar unha obra en calquera concello xa que tamén se precisa pedir a cesación da actividade cunha autoriazión xudicial previa, porén o xuíz non entra no fondo do asunto, senón que só decide se o organismo de solicitantes é pertinente para pedir a suspensión, e con esta non se vulnera ningún dereito.
Esta intervención preventiva outorga unha maior rapidez ao proceso, engadindo efectividade á medida que, de seguir a canle xudicial ordinaria resultaría ineficaz, ao terse producido o dano xa, posto que a sentenza chegaría posteriormente.
No caso das descargas na Rede, será a controvertida Comisión de Propiedade Intelectual o organismo administrativo que teña a potestade de pedir autorización xudicial para que a páxina web que vulnere os dereitos de propiedade intelectual retire os contidos ilícitos, ou no seu caso, sexa bloqueada.
O poder xudicial deberá decidir, pola súa banda, se a solicitude está fundamentada, se a Comisión é competente para pedir o bloqueo desa páxina e se ao facelo non se vulnera ningún dereito fundamental.
Máis iso sí, antes de que de un xuíz adopte calquera medida cautelar, será preciso, segundo anuncian no xornal El País, “outorgarlle unha serie de garantías aos donos das webs, como concederlles un prazo para que supriman os elementos ilícitos das páxinas afectadas, cuxa duración soe rondar os tres días”.

PUBLICIDADE