Caixa Galicia colaborará na nova campaña estatal de impulso ao DNI electrónico

xoves, 3 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

O Goberno central, a través da entidade público-empresarial Red.es, segue a buscar novos métodos de promoción das vantaxes do DNI electrónico, logo do relativo fracaso dos postos en marcha até o de agora e, tamén (cómpre telo en conta), do claro desleixo que amosamos moitos cidadáns cara ás funcionalidades da nova tarxeta, presente xa en boa parte das carteiras da sociedade galega e española. A nova campaña de Red.es, que entre outras cousas responde ao baixo nivel de uso do DNI a través do computador (que por estas datas o ano pasado só chegaba a dous millóns e medio de operacións), parte da base de buscar todo tipo de apoios externos para reforzar a súa repercusión informativa, apoios entre os que se conta o de Caixa Galicia, tal e como se sinalaba hoxe mesmo en certos medios galegos e na propia web de Red.es. A financeira galega concorrerá con outras trece entidades neste reforzamento dos plans de divulgación do novo DNI, que forman parte do Plan Avanza2.
Estes son os restantes apoios: PC City, Banesto, Investrónica, Megasur, Bit4Id, Albalia, Oracle, Sage, Zylk.et, Alcampo, Toshiba e Infostock (Mybyte).
O seu cometido ao abeiro da campaña será ben diverso, e en cada caso particular atenderá á especialización e á experiencia de cada participante, que abrangue o deseño de programas, a fabricación de equipos ou a venda directa dos mesmos. Deste xeito, as tarefas poderán abranguer tódolos elos da cadea de promoción: dende a distribución de equipamentos informáticos con lector de eDNI integrado á deseño de novos servizos bancarios baseados ou apoiados no seu emprego, labor que case con toda probabilidade contará coa participación directa de Caixa Galicia e Banesto.
Asemade, impulsarase o desenvolvemento de software e servizos a través do eDNI e o seu emprego integral no equipo humano das entidades colaboradoras na iniciativa.

PUBLICIDADE