O eDNI non acaba de despegar

luns, 13 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

O DNI electrónico comezou a súa andaina cunha chea de vantaxes e múltiples funcionalidades que en parte se viron ensombrecidas polos dificultosos procesos de expedición. En boa medida, e calquera que se vise obrigado a obter a certificación en períodos vacacionais saberá do que estamos a falar, o que ía dirixido a facernos a vida máis doada elixiu a vía máis complicada para acadalo: a de levarnos a agardar mañás enteiras para, cun pouquiño de sorte, poder carretalo nas nosas carteiras. Isto, unido ao que probablemente fose un labor de promoción insuficiente por parte das autoridades, ben pode ser unha das razóns do actual panorama de infrautilización das posibilidades telemáticas que inclúe a tarxeta.
Segundo sinala EFE nun estudo presentado a fin de semana pasada sobre o proceso de introdución do novo documento e o nivel de uso que os españois lle dan aos seus recursos dixitais, a día de hoxe só se empregou o eDNI en dous millóns e medios de operacións a través do computador. Esta cifra, que sen máis consideracións pode parecer elevada, cómpre situala no seu contexto: arestora hai case dez millóns de cidadáns cun certificado destas características nas súas carteiras, o que achega un potencial grande de abondo como para incrementar até os centos de millóns a cifra de operacións levadas a cabo coa tarxeta dixital.
Segundo o estudo de EFE, tempo e recursos houbo para que isto se dese: o eDNI foi implantando en marzo de 2006 e nel investíronse 129 millóns de euros, tanto en equipos e instalacións como en programas. A todo isto, e co obxectivo de darlle un novo pulo a este desenvolvemento e ás súas posibilidades de participación na cidadanía dixital, hai que engadir unha nova partida de 14 millóns de euros. A idea, máis polo miúdo, é conseguir que os fabricantes inclúan nos ordenadores lectores de eDNI así como reforzar o desenvolvemento de campañas informativas sobre as vantaxes da nova certificación.

PUBLICIDADE