Baía Edicións abre as portas da súa aula virtual

mércores, 19 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

O ensino galego segue a botar abaixo tabiques. Neste proceso de ampliación de límites cara ao dixital colaboran moitas mans dende institucións públicas e privadas, centros de formación, colectivos docentes e tecnolóxicos e empresas. Dentro destas últimas, sección editoriais, unha das máis activas é Baía Edicións, que logo da súa web-acubillo universal e das novidades achegadas no xeito de achegármonos aos seus libros, anuncia agora unha Aula Virtual para permitir o acceso integral dos seus fondos entre a comunidade educativa. Trátase pois dun establecemento en liña no que, entre outras cousas, podemos visualizar as coleccións e os libros de Baía, obter información básica de cada un dos títulos: autoría, ilustración, ISBN, páxinas, PVP, comentario da obra, imaxe da capa do libro, etc.
No caso específico das obras de creación literaria, tanto de adultos como infantil-xuvenil, inclúese un capítulo do libro en formato dixital, “co fin de axudarmos aos usuarios da rede e futuros lectores e lectoras a facérense unha idea clara do conxunto da obra, como se se estivese remexendo nas obras que se atopan nas librarías, bibliotecas, espazos de lectura, etc.”, informan dende a editorial galega.
A nova iniciativa responde a unha demanda ben clara: o interese das usuarias e usuarios da web de Baía Edicións por atinxir máis servizos e funcionalidades en liña. O primeiro paso neste senso foi a creación do Espazo editorial Baía, onde se incorporan a diario novas relacionadas coa actualidade editorial e cultural galega. A isto hai que engadir un espazo interactivo de debate (onde a editora, os seus autores e colaboradores e máis os lectores comparten opinións sobre diversas informacións educativas e culturais de actualidade que se propoñen) e os apartados Xuntanza de escritoras e Encontro coa Natureza, entre outras cousas. “Finalmente”, explican dende Baía, “co obxectivo de complementarmos os materiais didácticos e textos dirixidos aos niveis educativos de secundaria e bacharelato, decidimos crear a Aula Virtual, proxecto que nace coa idea de facilitarmos tanto ao profesorado como ao alumnado todos os recursos didácticos e materias educativos dos que se dispón de cada un dos libros de texto publicados na actualidade”.
A Aula Virtual conta cos libros dixitais de Sociais de 1º e 2º de ESO, dirixidos tanto ao alumnado como ao profesorado. Amais, dende a plataforma pódense descargar recursos como o proxecto curricular establecido e a programación proposta para cada unha das disciplinas como materiais complementarios de axuda ao profesorado no seu labor didáctico e pedagóxico diario nas aulas tan só co seu rexistro.

PUBLICIDADE