Baía Edicións prepara unha nova web para dar cabida a tódolos lectores de obras en galego

mércores, 11 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

A editorial Baía na Feira do Libro Infantil de Boloña

Baía Edicións está a preparar o lanzamento no universo dixital dunha nova web informativa para afianzar dúas cousas principais: a comunicación cos lectores e cos autores, a promoción dos seus libros e, por extensión, a cultura do país. A nova achega servirá de complemento e prolongación a Baiaedicions.net, páxina-tenda xa existente e principal recurso de comunicación (até o de agora) da editorial na Internet, catálogo e ferramenta visualizadora dos seus libros (tal e como temos sinalado dende Código Cero, facendo fincapé na posibilidade de lermos anacos das obras antes de mercalas, “como se estivésemos a remexer nos andeis dunha libraría”). Pois ben, a nova páxina quere ir alén disto, achegando o compoñente de rede social que lle faltaba ao recurso precedente e atendendo así a un fluxo de consultas e dúbidas dos usuarios que non para de medrar. Sería pois como ampliar a casa porque a familia crece.
A nova achega interactiva, sinala Baía, incluirá novos espazos para poder incorporar artigos, críticas, imaxes, vídeos etc. Trátase pois dun emprazamento interactivo, onde a editorial, os autores, colaboradores e calquera persoa que o desexe poida compartir a súa opinión sobre os artigos que, nesta nova web, se expoñen. Neste novo espazo web, xa nun plano máis específico, darase acubillo ao seguinte: Novas sobre a actualidade, Material didáctico, Xuntanza de escritoras, Encontro coa natureza, galería de imaxes e vídeos e unha serie de recomendacións que Baía Edicións fai a todos os usuarios.
Polo que atinxe a Xuntanza de escritoras, dicir que ao seu abeiro as autoras levarán a voz cantante e contarán coa posibilidade de incorporar artigos, reseñas, anotacións, relatos, etc. “O que queremos”, sinalan dende Baía (que, por certo, presentará a nova web o vindeiro 11 de abril, logo dun proceso aberto de suxestións e participación activa) “é que este espazo non sexa unha simple exposición de textos, senón que sexa algo máis, un espazo para as escritoras, para que falen do seu papel na sociedade, de como ven a literatura”.
Outro dos devanditos apartados específicos, Encontro coa natureza, servirá entre outras cousas para achegar o medio ambiente a toda a sociedade galega (nenos, pais e nais, especialistas), incorporando anotacións, comentarios sobre obras, axenda de eventos e celebracións, artigos de opinión, consellos relacionados co coidado do medio, etc.

PUBLICIDADE