Até 2.400 pemes da provincia de Lugo recibiron máis de 9 millóns a través do Kit Dixital

xoves, 9 de marzo do 2023 S. P.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e Alberto Martínez, director xeral de Red.es, presidiron este mércores 8 de marzo, no Consistorio de Monforte, un encontro para informar ao empresariado da Ribeira Sacra dos avances e do impacto que está tendo na provincia a liña de axudas do Kit Dixital e o programa Acelera PEME. Uns proxectos, que tal e como subliñou o mandatario provincial, impulsa o Goberno do Estado “para fortalecer e facer máis competitivo o tecido empresarial do noso país a través da transformación dixital”.
Tamén participaron na xuntanza, xunto cunha trintena de empresarios da contorna, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; a primeira tenente de alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada; e o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos do Concello de Monforte de Lemos, José Luis Losada.
Tomé Roca sinalou que as pequenas e as medianas empresas, as microempresas e as persoas autónomas ás que se dirixen o Kit Dixital e o programa Acelera PEME “conforman a columna vertebral do emprego do noso concello e da nosa provincia e, polo seu menor tamaño, teñen máis dificultades á hora de modernizarse ou incorporar novas tecnoloxías”.
Entre as accións prioritarias do Goberno da Deputación, o presidente destacou “o apoio ao tecido produtivo da nosa provincia”, algo que “xunto aos servizos públicos de calidade, é un factor esencial para fixar poboación no noso rural”. No marco dese compromiso co tecido produtivo, puxo o foco na incorporación da entidade provincial ao Acelera PEME, dotado con medio millón de euros, dos cales o 80% (400.000€) proceden da Unión Europea a través da entidade pública empresarial Red.Es e o 20% (100.000€) da propia institución provincial. “Levamos desde final de ano despregando esta iniciativa de asesoramento e soporte gratuíto ás pequenas e medianas empresas en materia de transformación dixital, cuns bos resultados ata o momento, pois xa contactamos cunhas 250 empresas”. A institución provincial xa ten despregadas oficinas para prestar asesoramento e acompañamento gratuíto aos negocios nos concellos de Viveiro, Lugo e A Fonsagrada e traballa para completar a rede nos municipios de Láncara, Monforte e Vilalba. Grazas ao Acelera PEME, a Deputación manterá durante dous anos, ata o 2024, esta rede de oficinas, que contará con 7 traballadores e traballadoras.
Neste programa, dixo, poden participar todas as empresas que estean interesadas, co único requisito de ter sede física nalgúns dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, é dicir, todos menos o da capital, que dispón doutras iniciativas e recursos para ofrecer este tipo de servizos. O presidente salientou “a proximidade e a capacidade de atención presencial” que se ofrece a través desta iniciativa, “un apoio para garantir a eficacia de esta ambiciosa acción de transformación do tecido empresarial”.
Kit Dixital
Sobre o Kit Dixital sinalou que está a ter un “gran impacto” na provincia. De feito, 2.400 pequenas e medianas empresas lucenses recibiron xa máis de 9M€ do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través desta liña de axudas. “Estou seguro de que seguirá dando froitos no concello de Monforte e no conxunto da provincia de Lugo”, valorou.
Para o programa Kit Dixital, o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital destina un orzamento de 3.067 millóns de euros dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para dixitalizar a preto dun millón de pequenas e medianas empresas e persoas autónomas en todo o territorio nacional os próximos tres anos. Estas subvencións do Goberno teñen como finalidade “avanzar na dixitalización de áreas clave como presencia na Internet, deseño da web, venda electrónica, xestión de clientes e provedores, oficina dixital, redes sociais, xestión e automatización de procesos e ciberseguridade”, lembrou.
As axudas poden solicitarse ata decembro do ano 2024. Están abertas tres convocatorias: a liña dirixida a empresas de entre 10 e 49 empregados, que poden solicitar o bono de 12.000 euros ata o 15 de marzo de 2023; para as empresas de 3 a 9 empregados o prazo está aberto ata o 2 de setembro con axudas de 6.000 euros; e os negocios de menos de tres empregados e autónomos poden solicitar 2.000 euros ata o 20 de outubro de 2023.

PUBLICIDADE